A Xunta quere aprobar xa o seu plan económico en plena crise e pechar a década cun 2% máis de PIB

Entre as medidas, que o 100% das persoas dependentes reciban unha prestación efectiva, a educación ou a sustentabilidade. O PPdeG quere que quede listo na Cámara galega a vindeira semana.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2022 | Actualizada ás 22:37

Comparte esta noticia

Ao mal tempo, boa cara. Esa é a receita da Xunta en plena recesión económica. Anunciar e querer implementar un plan estratéxico a 2030 co obxectivo de que Galicia chegue ao final da década co mesmo PIB que o conxunto do Estado e moito menos paro. E, o primeiro paso será presentalo no primeiro pleno deste novo periodo de sesións. Toda unha declaración de intencións.

Imaxe do pleno da Cámara galega
Imaxe do pleno da Cámara galega | Fonte: Parlamento de Galicia.

De feito, será o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, o que o defenda o vindeiro martes coa súa comparecencia. Logo será a quenda da oposición e, despois, abrirase un prazo para a presentación de transaccións ata as 18,30 horas desa xornada co fin de chegar a acordos. O debate deste plan celebrarase partido en dous días, xa que proseguirá o mércores, día na que se procederá á súa votación para a aprobación.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, valorou este "ambicioso" plan para o "longo prazo", que ten o obxectivo de que Galicia alcance ao peche da década a media do PIB per cápita de España e o 90% da UE. Neste sentido, destacou a "vontade de atopar puntos en común" coa oposición e lembrou que ademais das tres emendas populares --para realizar correccións--, o BNG presentou 36 propostas e o PSdeG, 182.

Con todo, a oposición non cre que haxa vontade de incorporar as súas propostas. O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, destacou que o seu grupo presentou un elevado número de enmendas polas "deficiencias que deben ser emendadas". Un punto co que non coincide o PPdeG, que xa avanzou que haxa acordo ou non a súa maioría absoluta servirá para aprobalo.

MEDIDAS

A proposta da Xunta é  reducir ao 8% a taxa de paro e diminuír a metade a taxa de paro xuvenil e un crecemento medio do PIB de entre o 2% e o 2,5% anual en plena crise económica pola guerra de Ucraína

Así, a folla de ruta da Xunta para a vindeira década ten 5 eixes prioritarios: o reto demográfico, a Galicia verde e sostible, a competitividade e o crecemento, a cohesión social e territorial, por último, a gobernanza. E, dentro destes obxectivos está tamén que o 100% das persoas dependentes reciban unha prestación efectiva, a educación ou a sustentabilidade.

No relativo á competitividade, a Xunta prevé aumentar o peso do sector industrial, ampliar o tamaño das empresas en máis dun 25%, duplicar o gasto en I+D+i, incrementar un 25% o número de empresas innovadoras ou que o 90% da poboación adulta teñan competencias dixitais básicas.

A nivel educativo aspírase a reducir a taxa de abandono escolar temperán ata o 7%, acadar un 45% da poboación de entre 25 a 64 anos con estudos superiores e a obter unha taxa de cobertura escolar de 0 a 3 anos con prazas públicas do 60%. E, finalmente, no referido á sustentabilidade buscarase avanzar cara unha Galicia climaticamente neutra coa redución dos gases de efecto invernadoiro ata o 55% respecto a 1990 e aumentar o peso das renovables no mix produtor ata o 58% no consumo final.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta