Profesionais denuncian que o Plan contra o suicidio da Xunta está "sen executar" cinco anos despois

A Xunta asegura que Galicia contará en 2022 con unidades de atención ao suicidio en todas as áreas sanitarias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2022 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

O Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) esixiu que se dea cumprimento aos compromisos incluídos no Plan de Prevención de Suicidio, aprobado pola Xunta de Galicia en 2017 e do que, "a día de hoxe non se coñece execución, con medidas sen desenvolver cinco anos despois".

Con motivo do próximo Día Mundial para a Prevención do Suicidio, lembran que para atallar este "grave problema de saúde pública" son necesarias "políticas públicas que dispoñan dos recursos precisos". Apuntan ademais --na liña do expresado este venres polo Movemento Galego pola Saúde Mental-- que os últimos datos dispoñibles son de 2020, "xa que non se dispón de estudos e informes máis recentes nin pormenorizados máis aló dos datos sobre mortalidade que publica o Imelga".

Así, recollen que Galicia presentaba en 2020 unha taxa de 13,11 suicidios por cada 100.000 habitantes, case o dobre da media estatal (7,79), a segunda comunidade autónoma só por detrás de Asturias.

POSIBLE INCREMENTO DE SUICIDIOS

"A deterioración nas condicións de vida desde 2020, cunha pandemia, unha guerra cos seus efectos sobre a economía e unha inflación elevadísima, fainos prever a posibilidade de que os niveis de sufrimento se incrementen notablemente na poboación", advirten no comunicado, onde urxen ademais a "preparar o sistema sanitario e social para protexer os máis vulnerables".

Só en 2020, insisten, faleceron por suicidio 207 persoas en Galicia, "case una cada día". Segundo a Organización Mundial da Saúde, por cada suicidio consumado estímase que se producen 20 intentos, o que implicaría que a ideación autolítica estaría presente nunhas 6.000 persoas en Galicia.

Así as cousas, desde o COPG solicitan unha "aposta decidida" pola prevención, o que incluiría dar cumprimento ao que se recolle no Plan de Prevención do Suicidio, así como cuestións como a investigación epidemiolóxica sobre a conduta suicida e a rendición de informes sobre o desenvolvemento de cada unha das 37 medidas recollidas no Plan.

Insisten a este respecto que a atención psicolóxica en Atención Primaria, "cunha mínima implantación en Galicia", é unha das medidas eficaces para a prevención da conduta suicida, "polo que é imprescindible reforzar a presenza de psicólogos nos distintos contextos para realizar esa abordaxe preventiva e asistencial, non só na sanidade, senón tamén na Educación e nos servizos sociais comunitarios dos concellos".

Psicoloxía
Psicoloxía | Fonte: arquivo

A XUNTA DEFENDE O SEU PLAN

Pola súa banda, a Xunta defende o Plan de Prevención do Suicidio que, publicado en 2017, busca "diminuír a incidencia e a prevalencia da conduta suicida" co aumento da coordinación entre institucións e axentes implicados, a sensibilización e a concienciación da sociedade sobre o suicidio como un problema de saúde, a mellora da atención ofrecida a persoas con condutas suicidas e achegadas, e o fomento da investigación e o coñecemento sobre o tema.

Informa ademais de que Galicia participa no panel de persoas expertas que se constituíu para a xestión do proxecto nacional de prevención do suicidio, e compartirá a súa experiencia nunha xornada prevista para o próximo 19 de setembro.

Así mesmo, a administración explica que Galicia contará en 2022 con unidades de atención a persoas en risco de suicidio en todas as áreas sanitarias. Así, coa creación de cinco novas unidades, a Administración prevé que este ano todas as áreas sanitarias galegas conten con este tipo de atención especializada.

Cada unha delas contará cun equipo específico de profesionais composto por persoal de psicoloxía, psiquiatría e enfermaría especialista en saúde mental. Estes profesionais forman parte dos 120 que se incorporaron aos servizos de saúde mental desde a posta en marcha do mencionado plan: 34 profesionais de psicoloxía, 37 psiquiatras, 26 de enfermaría especialista e 12 traballadores sociais, entre outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta