Galicia viviu o verán máis cálido desde que hai rexistros

A media das temperaturas situouse 1,6 graos por enriba do habitual.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/09/2022 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

O verán climatolóxico de 2022 en Galicia foi "extremadamente cálido" no que respecta ás temperaturas, cos valores medios máis altos da serie histórica. A este balance, publicado polo Goberno galego, contribuíu especialmente o mes de xullo, marcado por varios episodios de calor extrema. Así se conclúe no resumo do informe climatolóxico de Meteogalicia sobre o último trimestre, elaborado a partir dos datos recollidos nas estacións máis representativas e tendo en conta a súa evolución durante o período de referencia 1981-2010.

Varias persoas báñanse e toman o sol nunha praia do concello de Marín
Varias persoas báñanse e toman o sol nunha praia do concello de Marín | Fonte: Beatriz Ciscar - Europa Press.

As temperaturas marcaron rexistros históricos, especialmente durante xullo. A media no conxunto do período situouse en 20,7 graos, é dicir, 1,6 graos por enriba do habitual. A estación climatolóxica acabou rexistrando no seu conxunto as temperaturas medias e máximas máis elevadas de toda a serie histórica.

Por meses, xullo foi extremadamente cálido e a temperatura media alcanzou os 22,4 graos, cunha anomalía de +2,7 graos con respecto aos valores históricos rexistrados nas estacións meteorolóxicas máis representativas.

Agosto mantívose nesta liña debido á persistencia das situacións anticiclónicas, "sendo no seu conxunto un período moi cálido".

O único mes que se desmarcou desta tónica xeral foi o de xuño, marcado por unha gran variabilidade de situacións meteorolóxicas e os contrastes entre xornadas extremadamente cálidas e secas cun comezo e un final de mes con predominio de temperaturas frías, polo que finalmente resultou ser un período normal.

DIFERENZAS XEOGRÁFICAS

Por áreas xeográficas, os termómetros presentaron certas diferenzas. Así, mentres a media galega situouse nos 20,7 graos, no macizo ourensán de Manzaneda e na serra do Xistral rexistráronse os valores máis baixos, ao redor dos 14,7 graos. Nas beiras do río Sil, os termómetros alcanzaron unha media de 24 graos.

No que respecta á choiva, o país viviu no seu conxunto un trimestre dentro da normalidade. As precipitacións medias para as 16 estacións meteorolóxicas de referencia foron de 117 litros por metro cadrado, só un 2% máis do esperado para este período, polo que o verán considérase, no seu conxunto, normal.

Xuño foi o único mes do período caracterizado como húmido polas choivas rexistradas durante a primeira semana e os últimos 10 días. De feito, o balance mensual foi de 86 l/m 2 , o que significa que choveu un 78% máis do previsto, atendendo aos datos históricos de referencia.

A partir de xuño, a situación mudou, xa que predominou o tempo anticiclónico. Isto fixo que as choivas rexistradas fosen escasas, cun déficit pluviométrico dun 66% respecto do habitual.

O verán climatolóxico finalizou cun agosto seco, no que se matuvo a tónica do mes anterior, cunha anomalía das precipitacións esperadas para esta época do ano dun 39%.

A repartición da choiva rexistrada durante todo o trimestre non foi homoxéneo no conxunto do país. Así, os valores máis altos concentráronse localmente na Mariña occidental, con case 340 l/m 2 acumulados entre xuño e agosto.

Pola contra, os rexistros máis baixos concentráronse en gran parte das provincias de Ourense e Pontevedra, así como nas comarcas coruñesas de Bergantiños e Terra de Soneira, onde apenas se recolleron 50 l/m 2 .

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta