O'Mega advirte de que as medidas para mellorar a Primaria poden deixar sen médicos as Urxencias e PAC

Critica os incentivos económicos para médicos de Atención Primaria que acepten incrementar a súa cota en 300 cartóns sanitarios máis.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/09/2022 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

A organización médica O'Mega elaborou un informe no que advirte de que as medidas acordadas o pasado xuño cos sindicatos da mesa sectorial de Sanidade en Galicia para paliar o déficit de persoal nos centros de saúde "poderían baleirar de médicos" as Urxencias e os Puntos de Atención Continuada (PAC).

Centro de Atención Primaria de Barreiros (Lugo)
Centro de Atención Primaria de Barreiros (Lugo) | Fonte: CONCELLO DE BARREIROS.

Segundo lembrou esta organización, o plan aprobado prevé incentivos económicos para médicos de Atención Primaria que acepten incrementar a súa cota en 300 cartóns sanitarios máis, mediante a prolongación da súa xornada semanal en 4,5 horas. A cambio, percibirán un complemento anual de 12.000 euros.

Ese complemento supón un incremento do prezo de cada hora traballada do 66,6 % respecto das horas ordinarias, e é mesmo superior á hora de garda voluntaria nunha PAC. Por iso, O'Mega advertiu de que "semellante diferenza de retribución" pode provocar que os facultativos prefiran prolongar a súa xornada en Atención Primaria en lugar de facelo na PAC ou nas Urxencias hospitalarias.

A pesar de recoñecer que a falta de médicos en Atención Primaria "é un dos maiores problemas que arrastra a sanidade en Galicia", esta organización subliñou que a necesidade "é aínda maior" nas Urxencias extrahospitalarias.

"A solución á falta de recursos humanos en Atención Primaria non pode basearse en atender a máis pacientes, xa que vai en detrimento da calidade asistencial e do aumento de riscos psicosociais para os propios médicos", explicou Manuel Rodríguez, secretario xeral de O'Mega.

Segundo incidiu, a maior parte de facultativos que traballa na PAC son médicos de Atención Primaria, polo que "é previsible" que moitos opten por pedir o traslado a centros de saúde, onde poderán percibir en compensación (se aumenta a súa xornada) case o mesmo que polas gardas nunha PAC traballando menos da metade de horas, e "a mesma discriminación" prodúcese con respecto aos médicos de Primaria dispostos a realizar gardas de 7 horas polas tardes.

Finalmente, advertiron de que o incremento de xornada en 4,5 horas cada semana non permitirá asumir un aumento da cota de 300 cartóns e insistiron en que "non parece boa estratexia para fidelizar aos médicos de familia en Primaria converter a PAC nun deserto de persoal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta