"O acollemento familiar de crianzas é unha experiencia complexa, pero marabillosa"

ACOUGO procura "desestigmatizar" os nenos e nenas que se atopan no sistema de protección de menores e que precisan dun nucleo familiar no que desenvolverse mentres non poden reintegrarse na súa familia de orixe.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2022 | Actualizada ás 22:47

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Familias de Acollida, ACOUGO, naceu dun grupo de familias acolledoras implicadas na defensa dos dereitos das crianzas e adolescentes que están dentro no sistema de protección público de menores. Da man de profesionais de psicoloxía, traballo social e educación social, esta asociación dá a coñecer a medida de acollemento familiar para achegar á sociedade a realidade de milleiros de crianzas que non poden convivir coas súas familias; e traballa tamén pola "integración e apoio" destes menores e as súas familias, tanto a biolóxica coma a acolledora. 

A educadora social Viviana Varela
A educadora social Viviana Varela | Fonte: remitida

O vindeiro martes, 20 de setembro, o Concello de Miño acollerá unha das múltiples charlas que ACOUGO ofrece ao longo de Galicia para "visibilizar" esta realidade. Baixo o título 'Unha aproximación ao acollemento familiar', este encontro terá lugar no local social de 18 a 19:30 horas. "Unha oportunidade", explican, "para contribuir a xerar unha cultura de acollemento". Falamos coa educadora social Viviana Varela, membro da asociación, para coñecer de preto o funcionamento desta medida.

Cal é a situación do acollemento familiar en Galicia?

En Galicia, comparado con outras comunidades do Estado, si temos bastantes familias de acollida -case trescentas, aínda que non todas en activo neste momento- , pero hai tantas crianzas e adolescentes no sistema de protección, moitas en centros de protección oficial, que aínda son necesarias moitas máis familias para que se poida cumprir co dereito universal dos nenos e nenas a medrar en familia.

Por que importante incentivar este acollemento?

Cando unha crianza ou persoa adolescente non pode ser coidada pola súa familia de orixe por múltiples motivos que poden suceder, temos que impulsar todo tipo de medidas que lles permita manter ese dereito a medrar en familia. Os centros de menores agora mesmo funcionan moi ben e hai moitos profesionais traballando neles, pero, ao final, é un centro, non unha familia. Cando un neno ou nena entra dentro do sistema de protección e dun centro de menores corre o risco de pasar no seu interior durante moitos anos, entre 7 e 12. É moito mellor que poida pasar todo ese tempo canda unha familia para que poida vivir unha vida moito máis normalizada e menos estigmatizada, e onde se van poder desenvolver eses contactos coa familia de orixe de xeito natural.

A lei establece que sempre debe prevalecer o acollemento familiar sobre o residencial. Cúmprese isto?

Iso acontece, pero o problema é que non temos as familias de acollida suficientes para que todas as crianzas poidan estar fóra destes centros. Tamén é certo que a lei di que os bebés non deben estar en centros de menores e, por desgraza, en Galicia temos algúns. 

Que beneficios ten para as crianzas o acollemento familiar?

Unha situación máis normalizada, na que todo o mundo nos criamos. Ir ao cole, ao parque ou ao cine coa familia e non con máis menores cos que convives nun centro. Sobre todo tamén polos momentos individuais de cariño e de amor que se dan no interior dun fogar e a unhas persoas determinadas. O que é moi importante sobre todo nos nenos e nenas de acollida é que poidan ter outras figuras de seguridade e de apoio, outros recursos. Se volven á familia de orixe, sempre van ter aí outra xente que os quere, que os coñece, e a quen van poder recorrer se precisan algo. 

E como vive esta experiencia a propia familia acolledora?

Nun primeiro momento reciben a noticia con moitísimos nervios e, por suposto, con moitísima ilusión. Cando falas coas familias de acollida, o que contan é que é unha experiencia marabillosa; moitas veces tamén complexa porque ao final estes nenos viviron situacións que non son habituais para as crianzas da súa idade, pero que dan moitísimo amor. As familias de acollida sempre din: "recibo moitísimo máis do que dou". É unha medida marabillosa. E créase algo súper bonito cando as familias que xa teñen fillos propios e esas crianzas pasan a ser tamén irmáns de acollida. As familias contan que é unha gran experiencia, que é o mellor que lles puido pasar aos seus fillos, porque é un golpe de realidade e danse conta de que hai outras moitas realidades e experiencias diferentes, e que nos temos que axudar en comunidade. 

Nas charlas falades da necesidade de xerar unha cultura do acollemento. Que significa isto para vós?

Para nós é moi importante pensar en dar a coñecer o acollemento familiar. Un dos nosos obxectivos é desestigmatizar os nenos e nenas do sistema de protección de menores. Moitas veces non sabemos quen son ou porque están aí, incluso podemos chegar a pensar que fixeron algo mal para acabar dentro do sistema. Isto non é certo. Trátase de crianzas ás que, por múltiples motivos, a súa familia non os puido coidar.

Por iso sempre dicimos que queremos crear unha cultura do acollemento, porque non podo o mundo pode ser familia de acollida, pero si que todo o mundo pode facer algo polo acollemento familiar: dar a coñecer esta medida, non estigmatizar os nenos e nenas... Ás familias de acollida pásalles moito que cando van cunha crianza nova pola rúa, a xente pregunta de onde saíu ou quen son os seus pais sen ter en conta que ese neno ou nena está diante. Cómpre crear cultura para que esas preguntas non sexan realizadas. E neste sentido é súper importante a información, que se saiba que é o acollemento familiar, porque é unha obriga social coidar de todas estas crianzas e traballar para que vivan un pouco mellor.

Que información básica é importante coñecer para achegarse a esta realidade?

Dende ACOUGO levamos contactados máis de 60 concellos para ter a oportunidade de achegarnos alí e facer diferentes actividades para informar sobre o acollemento familiar. Normalmente explicamos quen somos nós, que é o sistema de protección de menores, por que os nenos e nenas chegan a el... E procuramos trasladar que é unha responsabilidade de toda a sociedade coidalos. Comentamos os diferentes sistemas de acollemento familiar e intentamos partir sempre da parte máis sentimental, intentando poñernos na pel dos diferentes axentes que participan dentro do acollemento: as familias de acollida, as familias de orixe, que están sufrindo unha situación que non é agradable, e logo ese neno ou nena que tamén se atopa nun contexto moi complicado, porque por moito que vivise situacións duras na casa, sempre vai querer os seus pais. De repente atópase no medio dunha situación onde hai un montón de adultos ao seu redor que toman decisións... Por iso é súper importante ese coidado tamén da familia biolóxica para que, a ser posible, poida reintegrarse nela.   

Cales son eses diferentes tipos de acollemento que funcionan?

Hai un primeiro tipo de acollemento que se chama de urxencia e que non dura máis de seis meses dende que se fai a retirada da tutela á familia de orixe. O que se pretende é analizar que situación hai nesa familia e tomar unha decisión máis a longo prazo sobre esa crianza. Logo, o acollemento máis habitual é o que estipula un total de dous anos. Esa crianza sae dous anos do núcleo familiar para intervir na situación de orixe durante ese tempo, intentar reconducila e, en caso posible, devolver a crianza á familia. En caso de que esta reintegración non se poida producir ao cabo deses anos, temos unha terceira e última figura que é o acollemento permantente, que pode durar ata os 18 anos. Durante ese tempo séguese traballando coa familia, e en caso de que aos catro anos eses nenos pudeiran volver, volverían. Se non, estarían coidados ata os 18 por esa familia acollida. 

Falabas tamén da importancia de coidar esas relacións entre ambas familias. Como se xestionan estes vínculos? Pode resultar complexo?

Vai depender moito do caso. Cómpre dar moitísima información e facer un acompañamento moi detallado ás familias. Nun momento de retirada dunha tutela, esa familia está nun contexto moi complicada, e se non lle explicas moi ben a situación e o que significa unha familia de acollemento, vai pensar que lle queren quitar o neno ou que non vai volver velo. Temos que facer unha moi boa explicación sobre a necesidade desa retirada da crianza para que poida ser coidada e estea ben tanto a nivel físico como emocional. Logo, a partir de aí, cómpre intentar traballar moi pouco a pouco esa relación, sobre todo polo coidado emocional desa crianza, para que poida vivir ben dentro desa situación e non teña conflito de lealdades.

Hai algunha reivindicación ou demanda que queirades trasladar dende a asociación?

Que se siga traballando na busca e no coidado das familias acollida. Ao ser unha medida complexa é necesario un bo acompañamento e para iso fan falta recursos. Ademais tamén cremos necesario que se poida falar do acollemento familiar con naturalidade, nos medios, e que non o vexamos como algo estraño ou pouco normalizado. En Galicia, de feito, foi moi habitual. Meus avós cando emigraron deixaron os seus fillos coas veciñas, iso non é outra cousa ca acollemento familiar. Galicia é un pobo moi acolledor, e en cambio cando falamos dos nenos e nenas do sistema de protección, parécenos que se trata de algo moi desestruturado. A través de informar e de escoitar experiencias temos que procurar normalizalo, sobre todo para desestigmatizar estas crianzas.  

Se alguén quixera converterse nunha familia de acollemento, que ten que facer?

Pode poñerse en contacto con ACOUGO, nós como traballadoras sociais, educadoras e psicólogas daremos toda a información técnica e asesoramento necesario, e tamén pode achegarse ás diferentes charlas. Aquí en Galicia a medida do acollemento familiar lévaa Cruz Vermella en cada unha das provincias. Na súa páxina web pode atoparse o procedemento a seguir. Ti como familia de acollemento vas ter que pasar unha serie de entrevistas ata conseguir o que se coñece como a ideoneidade. Nese momento pasarías a estar nunha listaxe de familiar, e no momento en que se precisase, chamaríante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta