Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2022 | Actualizada ás 20:12
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, advertiu que a sociedade galega debe "prepararse" ante os "efectos prolongados" que terá a guerra de Ucraína, xa que este conflito "vai para longo". Así o manifestou despois de manter este martes un encontro co Alto Representante da Unión para Política Exterior e de Seguridade, Josep Borrell, no marco da súa viaxe a Estrasburgo.
En declaracións aos medios tras o encontro, Formoso manifestou que Borrell lle trasladou que o conflito bélico "vai para longo" e que a sociedade europea e galega debe "prepararse para uns efectos prolongados" da guerra "sobre todo nos prezos, tanto dos combustibles como dos alimentos".
Para o tamén presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, este contexto "obriga" aos cargos políticos a "axilizar", "optimizar" e "dedicarse todo o máis importante" aparcando "cuestións menores".
Ao seu xuízo, é tempo de exercer a política "da mellor maneira posible e coa maior altura de miras e compromiso co país", polo que convidou á Xunta a abandonar a estratexia de "confrontación permanente que deixou (Alberto Núñez) Feijóo e herdou (Alfonso) Rueda".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.