A USC pechará as súas instalacións en período de Nadal como "medida de aforro enerxético"

Os edificios administrativos de Santiago e Lugo tampouco terán actividade presencial en quenda de tarde desde o 1 de outubro

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2022 | Actualizada ás 16:27

Comparte esta noticia

O grupo de traballo de estratexia enerxética da Universidade de Santiago de Compostela (USC) referendou, na súa reunión deste mércores, as primeiras medidas extraordinarias dirixidas ao aforro e mellora da eficiencia en materia enerxética, que entrarán en vigor este venres. Son propostas para a súa implantación a curto prazo e que se complementarán cun plan estratéxico do que se informará en Consello de Goberno con medidas a medio e longo prazo.

A modo de medidas xerais de aforro enerxético, o grupo propón o apagado automático dos equipos informáticos en horario nocturno e en quenda de tarde nos edificios administrativos, programado de maneira centralizada excepto para o persoal en réxime de teletrabajo. Tamén se propón a redución da iluminación ambiental e ornamental, sen prexuízo do que sexa necesario por cuestións de seguridade.

Como xa se avanzaba na sesión constitutiva do grupo de traballo, prevese iniciar de maneira inmediata o control da temperatura e humidade así como o control e seguimento do uso de aparellos de climatización e a retirada de aparellos de calefacción portátiles. Neste sentido, tamén se instalarán medidores en todos os edificios que permitan contabilizar o consumo de enerxía.

Os edificios administrativos de Santiago e Lugo non terán actividade presencial en quenda de tarde desde o 1 de outubro. Concretamente, esta medida afectaría á Casa da Balconada, Colexio de San Xerome, servizos administrativos do edificio Cactus en Santiago e Lugo, Pavillón estudantil, Pavillón de Servizos, Unidade de Xestión Académica do Campus Norte, Vivendas dos Funcionarios e os espazos administrativos do Edificio Intercentros.

Ademais, aqueloutros con horario de apertura de 8,00 a 22,00 horas deberán revisar antes do 30 de setembro as franxas de ocupación e comunicarán, de ser posible, a reorganización da súa actividade para reducir os períodos de apertura.

Entre o 23 de decembro de 2022 e o 9 de xaneiro de 2023, coincidindo co período de vacacións de Nadal, a USC pechará as súas instalacións, desenvolvendo a súa actividade de maneira non presencial. Para a organización do traballo e o desenvolvemento dos labores cotiáns empregaranse as ferramentas corporativas virtuais dispoñibles.

Logo da usc
Logo da usc

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta