Denuncian novas "accións intimidatorias" de macrogranxas contra o movemento ecoloxista

Unha explotación de Silleda presenta unha demanda xudicial por 3.000 euros contra Ecoloxistas en Acción.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2022 | Actualizada ás 11:56

Comparte esta noticia

Novas denuncias do movemento ecoloxista polos intentos de "silenciamento" que, explican, sofren de parte de macrogranxas. Ecoloxistas en Acción relata que unha explotación porcina industrial en Silleda lle interpuxo unha demanda xudicial con "afán meramente intimidatorio", co obxectivo de "acalar" as súas críticas polos impactos ambientais da gandería industrial.

Gandaría industrial en Silleda
Gandaría industrial en Silleda | Fonte: Ecoloxistas en Acción

A organización ecoloxista sinalara, a mediados deste ano, o proxecto de dita explotación por "bordear a a ilegalidade" ao declarar unha capacidade de 1.999 animais para eludir o estudo de impacto ambiental (EIA), obrigatorio a partir de 2.000 animais. Ademais, esta explotación, segundo explican, estaría situada á beira dun núcleo de vivendas unifamiliares, o que tamén provocou as protestas das familias veciñas. A comarca galega do Deza, á que pertence o municipio de Silleda, soporta xa a maior carga gandeira de toda Galicia.

"Estas prácticas son habituais para eludir os estudos de avaliación ambiental sen que a administración poña remedio", explica Ecoloxistas en Acción, que tamén denuncian que, "lonxe de poñer límites ambientais á proliferación sen control da gandería industrial, a propia Xunta de Galicia subvenciona estas instalacións industriais; no caso deste proxecto de Silleda, case con máis de 100.000 euros".

Ecoloxistas en Acción asegura que "colaborou coa veciñanza de Silleda para que este caso tivese unha gran repercusión mediática e social, o cal incomodou a Fertaporc S.C.", propietaria da explotación, quen presentou unha demanda xudicial por 3.000 euros contra Ecoloxistas en Acción. Para a organización ecoloxista, a demanda é "totalmente infundada" e "só pretende intimidar a activistas e veciñanza para silenciar as protestas contra a gandería industrial e este proxecto en concreto".

Este tipo de casos de empresas cárnicas que demandan a movementos ecoloxistas e veciñais está a ser cada vez máis frecuente, denuncian dende a organización. Sen ir máis lonxe, en Ourense, o grupo Coren interpuxo demanda, hai pouco máis de dous anos, contra un veciño da Limia por denunciar publicamente as súas actividades e, máis recentemente, a finais do ano pasado, en Navarra, a empresa Valle de Odieta S.C.L. demandou a organizacións e colectivos ambientais pola denuncia pública das súas irregularidades.

Ecoloxistas en Acción propón un modelo de gandería extensiva con base agroecolóxica que cree "emprego de calidade", protexa a biodiversidade e preveña incendios. Por todo iso, a organización ecoloxista denuncia o modelo agroindustrial, que, din, "só beneficia unhas poucas grandes empresas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta