Galicia conta coa menor taxa de menores condenados en 2021 de todo o Estado

Un total de 421 persoas de menos de 18 anos cometeron infraccións penais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2022 | Actualizada ás 12:42

Comparte esta noticia

Galicia situouse en 2021 como a autonomía con menor taxa de menores condenados, con 4,6 persoas infractoras de entre 14 a 17 anos por cada 1.000 habitantes, segundo datos publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), recollidos por Europa Press.

En concreto, uns 421 menores foron condenados en Galicia por infraccións penais o ano pasado. Deles, 375 eran españois e 46 de nacionalidade estranxeira. En total cometéronse 847 infraccións penais por menores, o que sitúa Galicia tamén coa taxa máis baixa do Estado español, con 9,2 infraccións por cada 1.000 habitantes.

Así mesmo, uns 13.549 adultos foron condenados en 2021, o que supón unha taxa de 5,9 por cada 1.000 habitantes. Desta maneira, Galicia tamén se situou á cola de España, só por diante de Castela e León (5,8) e de Castela-A Mancha (5,7). Entre todos cometeron 20.500 delitos, 16.905 os homes e 3.595, as mulleres.

DATOS ESTATAIS

A nivel estatal, en 2021 foron condenados por sentenza firme 282.210 adultos e 13.595 menores en España. Os delitos máis frecuentes de adultos foron os relacionados coa seguridade viaria (23,7% do total), lesións (17,2%) e furtos (14%). Isto deixa unha taxa de 7,2 persoas por cada 1.000 habitantes. En total cometéronse 410.842 delitos, dos cales 337.421 foron realizados por homes e 73.421, por mulleres.

Entre outros datos, o número de adultos condenados por delitos sexuais foi de 3.196, un 34,6% máis que o ano anterior. Deles, case o 98% era home. Tamén 439 mozos foron condenados por esta clase de delitos, un 12,6% máis que en 2020 e con case un 97% de homes.

No apartado de menores, uns 13.595 foron condenados en España en 2021, cunha taxa de 6,8 por cada 1.000 habitantes.

Un coche da Policía Nacional
Un coche da Policía Nacional | Fonte: Policía Nacional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta