O BNG pide no Congreso que se traspasen a Galicia os servizos ferroviarios internos

O deputado nacionalista en Madrid, Néstor Rego, destaca ademais que estas redes deberían responder a criterios de servizo público.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2022 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, solicitou que se transfiran a Galicia as redes e servizos ferroviarios internos, de forma que se implanten os trens de proximidade que permitan "vertebrar o territorio e apostar por unha mobilidade sustentable".

A este respecto, e no marco do debate sobre a modificación da Lei do Sector Ferroviario, criticou a actitude do Goberno español, "que non cumpre os seus compromisos con Galicia", e a "pasividade" da Xunta, "que non tivo a vontade de defender os dereitos dos galegos".

"Defendemos que, para o mantemento, xestión e extensión dos servizos ferroviarios, se atenda a criterios non unicamente de rendemento económico, senón fundamentalmente de servizo público, garantindo unha cobertura suficiente de todo o territorio", argumentou Rego.

Respecto da rede galega, considera "fundamental" a conexión do Eixo Atlántico con Portugal, a liña Santiago-Lugo e a mellora das infraestruturas e servizos ferroviarios en todo a Comunidade. Lembrou, ao fío disto, que o servizo de proximidade ferroviario non está implantado nas áreas metropolitanas de Galicia.

Así mesmo, apuntou a necesidade de realizar estudos sobre o custo-beneficio social en caso de propor a eliminación de servizos, "non só para a súa implantación", e acordar as propostas con todas as administracións implicadas.

INVESTIGACIÓN INDEPENDENTE DE ACCIDENTES

Por outra banda, destacou a aprobación dunha emenda do BNG que demandaba a independencia e autonomía da autoridade administrativa encargada das investigacións técnicas de accidentes ferroviarios, marítimos e de aviación civil.

Lembran que a independencia e autonomía na investigación daría cumprimento á normativa comunitaria sobre asignar as investigacións e informes sobre accidentes ferroviarios a un organismo independente, desvinculándoo da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), tal e como recomenda o informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) do 7 de xullo de 2016 en relación co accidente do Alvia de Santiago de Compostela.

Rolda de prensa de Néstor Rego (BNG).. Eduardo Parra - Europa Press
Rolda de prensa de Néstor Rego (BNG).. Eduardo Parra - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta