Formoso compara os veciños de Ortigueira cos de Sanxenxo: "teñen os mesmos dereitos"

Tamén criticou "a lentitude para conseguir os permisos da Xunta

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2022 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, criticou este xoves o estado de conservación da estrada a Espasante (Ortigueira), lembrando que estes veciños "teñen os mesmos dereitos que calquera veciño de Sanxenxo ou doutra vila de Galicia".

Con todo, proseguiu, "Portos de Galicia ten esta vía a Espasante, un dos lugares máis bonitos de toda Galicia, moito peor tratado que, por exemplo, a Sanxenxo", o que lle valeu ao socialista para "solicitar á Xunta que cedan a estrada ao concello, ou que a arranxen".

O representante provincial realizou este xoves unha visita ao Concello de Ortigueira, na que estivo acompañado, entre outros, polo alcalde, Juan Penabad, co que supervisou diversas obras financiadas no municipio con fondos provinciais.

En alusión ao Goberno autonómico, Formoso tamén criticou "a lentitude para conseguir os permisos da Xunta, que implica que non se poidan executar ata catorce aglomerados en pistas de todas as parroquias de Ortigueira.

"Igual que nós pomos o diñeiro e os recursos, e eles non pon practicamente nada, simplemente pedimos que nos dean o permiso para que esas pistas poidan mellorar a calidade de vida das parroquias de Ortigueira", engadiu.

INVESTIMENTOS

O presidente da Deputación da Coruña asegurou que durante a súa presidencia levan investidos en Ortigueira máis de 13 millóns de euros, "dos que 7,8 millóns corresponden ao Plan Único, cos que se realizaron un total de 43 obras que melloran a calidade de vida no municipio, sempre seguindo as instrucións do goberno local".

Ademais, González Formoso visitou o resultado do tres últimas obras finalizadas no municipio, que se financiaron a través do Plan Único cun investimento superior ao medio millón de euros, como foron as melloras na Biblioteca Juan Fernández Latorre, o miradoiro de San Antonio e a praza do Pedregal e a iluminación do núcleo do porto de Espasante.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso | Fonte: PSdeG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta