A exposición que homenaxea a Delgado Gurriarán xa pode visitarse no Museo do Pobo Galego

A mostra divídese en 15 paneis explicativos que percorren a vida e a obra do autor. Con eles, repásase a traxectoria vital e biográfica para comprender quen foi, que deixou e que implica a súa figura.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2022 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

A exposición itinerante 'Bebedeira de ensoños', en homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, a quen se dedicaron as Letras Galegas deste ano, xa pode visitarse no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, ata o 30 de setembro.

O acto de presentación tivo lugar na tarde deste xoves e participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o representante da Familia de Florencio Delgado Gurriarán, Ricardo Gurriarán; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; e a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada.

Desta forma, García agradeceu o resultado da "mostra antolóxica que reflicte a súa vida e obra dunha forma moi fidedigna", así como "o percorrido literario xunto a textos e imaxes propias que expoñen dunha forma brillante a este ilustre galego".

Con carácter informativo e didáctico, a mostra divídese en 15 paneis explicativos que percorren a vida e a obra do Gurriarán. Con eles, repásase a traxectoria vital e biográfica para comprender quen foi, que deixou e que implica a súa figura.

A exposición compleméntase cunha selección de obxectos persoais do escritor, exhibidos en mesas-vitrina, como son as cartas con Otero Pedrayo e Castelao, borradores de poemas que finalmente terminaron nos seus libros e publicacións orixinais que facilitarán unha aproximación máis completa para comprender a súa figura e obra literaria. Esta mostra itinerante comezou no mes de maio no Barco de Valdeorras, posteriormente estivo en Ourense e agora atópase no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.

Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2022. RAG
Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2022. RAG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta