Teletraballo e peche de edificios na USC para aforrar enerxía

Esta universidade aprobou as primeiras medidas extraordinarias dirixidas ao aforro e mellora da eficiencia en materia enerxética que entran en vigor este venres.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2022 | Actualizada ás 10:07

Comparte esta noticia

O grupo de traballo de estratexia enerxética da Universidade de Santiago de Compostela (USC) referendou, na súa reunión deste mércores, as primeiras medidas extraordinarias dirixidas ao aforro e mellora da eficiencia en materia enerxética, que entrarán en vigor este venres. Son propostas para a súa implantación a curto prazo e que se complementarán cun plan estratéxico do que se informará en Consello de Goberno con medidas a medio e longo prazo.

A modo de medidas xerais de aforro enerxético, o grupo propón o apagado automático dos equipos informáticos en horario nocturno e en quenda de tarde nos edificios administrativos, programado de maneira centralizada excepto para o persoal en réxime de teletraballo. Tamén se propón a redución da iluminación ambiental e ornamental, sen prexuízo do que sexa necesario por cuestións de seguridade.

Como xa se avanzaba na sesión constitutiva do grupo de traballo, prevese iniciar de maneira inmediata o control da temperatura e humidade así como o control e seguimento do uso de aparellos de climatización e a retirada de aparellos de calefacción portátiles. Neste sentido, tamén se instalarán medidores en todos os edificios que permitan contabilizar o consumo de enerxía.

Os edificios administrativos de Santiago e Lugo non terán actividade presencial en quenda de tarde desde o 1 de outubro. Concretamente, esta medida afectaría á Casa da Balconada, Colexio de San Xerome, servizos administrativos do edificio Cactus en Santiago e Lugo, Pavillón estudantil, Pavillón de Servizos, Unidade de Xestión Académica do Campus Norte, Vivendas dos Funcionarios e os espazos administrativos do Edificio Intercentros.

Ademais, aqueloutros con horario de apertura de 8,00 a 22,00 horas deberán revisar antes do 30 de setembro as franxas de ocupación e comunicarán, de ser posible, a reorganización da súa actividade para reducir os períodos de apertura.

Entre o 23 de decembro de 2022 e o 9 de xaneiro de 2023, coincidindo co período de vacacións de Nadal, a USC pechará as súas instalacións, desenvolvendo a súa actividade de maneira non presencial. Para a organización do traballo e o desenvolvemento dos labores cotiáns empregaranse as ferramentas corporativas virtuais dispoñibles.

Claustro de Fonseca, da Universidade de Santiago de Compostela
Claustro de Fonseca, da Universidade de Santiago de Compostela | Fonte: USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta