Portomarín, fronte o pasado que o asolagou

Proxéctase o documental 'Asolagados', que conta a historia dos pobos anegados pola construción do encoro de Belesar.

Por Galicia Confidencial | Portomarín | 27/09/2014 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A vila de Portomarín revive este sábado o seu pasado máis recente co documental Asolagados, que conta a historia dos pobos anegados pola construción do encoro de Belesar no río Miño en 1963. 

Casa asolagada polo encoro de Belesar na aldea de Porto
Casa asolagada polo encoro de Belesar na aldea de Porto

O filme, dirixido polo chantadino David Vázquez e con guión do ex director de A Nosa Terra, Afonso Eiré, é o resultado de máis de dous anos de traballo do colectivo Coa Auga ao Pescozo (David Vázquez, Luis García, Humberto Novoa e Cristina López) en colaboración coa Asociación Educativo-Cultural Airoá Comunicación e con TELEVINTE Chantada Comunicación S.L. 

Desde xullo ata decembro de 2011, catro mozos da comarca de Chantada aproveitaron unha baixada histórica do río Miño para gravar un documental sobre os pobos e as súas xentes, anegados polo encoro de Belesar no 1963.  Foron un gran número de lugares descubertos: Abideira, Porto, Castro Candaz, Santa Marta, Pincelo, A Samugueira, San Paio, Mourulle, Portomeñe, A Hermida, Ribó…E as historias destes pobos as contan por primeira vez as persoas que habitaron nestes lugares fai xa máis de cincuenta anos.

No documental vense imaxes dos restos das casas, dos fornos, dos hórreos, das adegas, das árbores, das vides... e sobre todo, das dez testemuñas que narran anos despois, no mesmo escenario, como era a vida a carón do río nos anos 40, 50 e 60: os traballos, as anécdotas, e describen o contraste que significou para eles mudarse da ribeira á montaña, despois de verse obrigadas a deixar os seus lugares e reconstruír unha nova vida.

A cinta proxectarase este sábado ás cinco da tarde na Casa da Cultura da localidade. A proxección, que conta co apoio da área de Cultura da Deputación, estará seguida dun coloquio con membros do equipo técnico da película.

As terras que o encoro de Belesar enguliu
As terras que o encoro de Belesar enguliu | Fonte: Xosé Lois García

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta