Ofensiva ecoloxista contra o Plan do Clima do Goberno central por favorecer o "boon eólico"

ADEGA e outras 5 entidades do FDXCC recorren no Supremo o Plan Estatal de Enerxía e Clima 2021-2030.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/09/2022 | Actualizada ás 11:36

Comparte esta noticia

A Asociación de Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega)  acudira´, xunto con outras entidades ecoloxistas e través do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica, ao Tribunal Supremo, para recorrer o actual Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC), do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

A central de Andorra queima as súas últimas toneladas de carbón.. UXT
A central de Andorra queima as súas últimas toneladas de carbón.. UXT

A demanda, pioneira na loita contra a implantación de renovables a gran escala sen a previa adopción de medidas para a protección da biodiversidade e sen a adecuada planificación e zonificación vinculantes, pretende levar ao Goberno do Estado a establecer as bases necesarias, conxuntamente co resto das administracións públicas, para unha transición enerxética que non implique a destrución e alteración de áreas de alto valor ambiental.

A iniciativa deste complexo proceso xudicial faise con cargo ao Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica e das súas seis entidades promotoras (ADEGA, Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica, Sociedade Galega de Ornitoloxía, Mesa Eólica de las Merindades de Burgos, Bierzo Aire Limpipio e a Plataforma para la Defensa de los Valles Pasiegos). Trátase da primeira acción xudicial de carácter estatal que se promove a través desta iniciativa, que recadou o pasado ano máis dun milleiro de doazóns que alcanzaron os 49.000€ a través dunha plataforma de micromecenado, superando o obxectivo inicial de 40.000€.

O pasado 9 de setembro de 2022, as entidades promotoras formalizaron o recurso ante o Tribunal Supremo, logo de requirir o tribunal ata en tres ocasións ao Goberno estatal a achega completa do expediente. A entidade que actúa en nome da iniciativa é a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica

O obxecto da demanda é o acordo do Consello de Ministras e Ministros do 16 de marzo de 2021, polo que se adoptou a versión final do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) e a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formulou a declaración ambiental estratéxica do plan e a Zonificación ambiental para de enerxías renovables: eólica e fotovoltaica.

RAZÓNS

A nulidade dos devanditos actos e disposición regulamentaria baséase en varios motivos, entre eles, "que o IEC aprobado, nin en canto ao contido, nin en canto ao procedemento seguido para a súa elaboración, se adapta á normativa europea, nin á de protección e avaliación ambiental, pois foi aprobado sen participación pública e sen unha avaliación ambiental estratéxica previa". "Isto supón un enorme menoscabo para a protección da biodiversidade e doutros elementos do medio ambiente", indica Adega nun comunicado.

Ademais, critica que o Estudo Ambiental Estratéxico do PNIEC nin a súa Declaración Ambiental Estratéxica cumpren os estándares mínimos de calidade esixidos legalmente, e tampouco o contido básico que o propio órgano ambiental estableceu no documento de alcance para o devandito Estudo ambiental Estratéxico.

A principal aposta do PNIEC para lograr os obxectivos de descarbonización que se propón alcanzar nesta primeira década reside nun ambicioso desenvolvemento de enerxías renovables (eólica e solar), moi por riba do obxectivo marcado polo Regulamento  para o uso final de enerxía renovable (42 % do PNIEC fronte ao 32 % do Regulamento). "A falta de participación pública deu lugar a un enfrontamento entre promotores, administracións e a poboación desa España baleirada, que é a principalmente afectada por grandes instalacións de parques fotovoltaicos e eólicos, a cal debería ser consultada, e na que Galiza é a máis prexudicada", engade a entidade ecoloxista.

Neste sentido, sinala que outras medidas, como a Estratexia de Descarbonización a longo prazo 2050, a Lei 7/2021, de 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética e a Estratexia de Transición Xusta e o propio Regulamento de Gobernanza, tampouco previron ningunha planificación territorial/sectorial que supla ese baleiro de contido do PNIEC con carácter previo á  implantación de renovables. Iso deu lugar a que se asista a un "boom de renovables", "cuxos permisos de conexión á Rede Eléctrica do Estado español xa superan con fartura os obxectivos do plan, o que se invaden chans e hábitats de alto valor ambiental sen previamente considerar outras alternativas de menor impacto".

O obxectivo último da demanda debería levar ao MITERD a "reconsiderar a súa pasividade ante a deterioración da biodiversidade" derivada da implantación masiva de grandes instalacións de renovables e á adopción de adecuadas medidas de ordenación vinculante para a penetración das enerxías renovables, "conforme aos principios de prevención, precaución, corrección na fonte e uso racional dos recursos naturais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta