Rueda promete 75 euros en axudas para material escolar para 90.000 familias

Tamén confirmou que se actualizarán as axudas de inclusión á inflación, tales como a Risga ou as axudas de emerxencia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2022 | Actualizada ás 12:48

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que as axudas do bono escolar para material elevaranse este inicio de curso un 50 por cento fronte á contía actual de 50 euros, de maneira que pasarán a 75 euros por neno e beneficiarán a máis de 90.000 familias vulnerables.

Trátase dunha das medidas que o mandatario autonómico explicou no primeiro encontro para reunir a todo o seu goberno, desde conselleiros a altos cargos e persoal de gabinete --coa ausencia da titular de Política Social, Fabiola García, que foi recentemente nai por segunda vez--. A cita ten o obxectivo de realizar balance e fixar prioridades para os próximos meses, cando xa se iniciou a segunda parte da lexislatura.

Rueda, que tomou posesión en maio tras a marcha de Alberto Núñez Feijóo a Madrid e a substitución á fronte da Xunta, repasou as medidas postas en marcha polo seu goberno e tamén nos anos que lle precederon.

Catro meses desde que tomou posesión, case 14 anos desde que os populares volveron tomar as rendas da Xunta e a dous anos de que se cumpran os catro da lexislatura, lembrou, o presidente autonómico enarborou a bandeira das políticas sociais e tamén confirmou que se actualizarán as axudas de inclusión á inflación, tales como a Risga ou as axudas de emerxencia.

Durante a súa intervención, Rueda defendeu que o seu é "un goberno no que se pode confiar" e lembrou que o pobo galego é "inconformista", polo que lle pediu aos seus "ter presente" que son "servidores públicos con todas as letras e con toda a responsabilidade" que iso supón.

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda | Fonte: PPdeG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta