"Os Franco volven á carga e nós volvemos á actividade total para frear esta nova ofensiva", di Defensa do Común

Ete colectivo organiza unha marcha para reclamar na Coruña a devolución da Casa Cornide, propiedade dos Franco.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2022 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

O colectivo Defensa do Común ten previsto realizar unha marcha para reclamar na Coruña a recuperación da Casa Cornide, propiedade da familia Franco.

O vindeiro luns, día 26, está convocada unha reunión con representantes do tecido asociativo da cidade herculina --entidades de carácter político, sindical, veciñal e recreativo-- para acordar a data na que se celebrará esta mobilización que terá un carácter "lúdico reivindicativo".

Así o informaron o presidente de Defensa do Común, Manolo Monge, e o responsable de comunicación deste colectivo, Ricardo Vales. Fixérono nunha rolda de prensa convocada con motivo de que a familia Franco volvese a pór á venda a Casa Cornide, sobre a que o concello herculino anunciou a presentación dunha demanda para a súa recuperación ao patrimonio público.

"Queremos conseguir unanimidade para pedir a súa devolución. O método Meirás vai servirnos para conseguilo; con consenso social e mobilización cívica", explicou Monge. O presidente lembrou que a recuperación do Pazo de Meirás "foi unha batalla de 40 anos". "Os Franco volven á carga e nós volvemos á actividade total para frear esta nova ofensiva", engadiu.

A marcha prevista será a terceira que realiza este colectivo co obxectivo de que este edificio histórico volva a "a propiedade que lle corresponde, ao Concello da Coruña" cunha utilidade "de tipo cultural ou social".

CRÍTICAS Ás ADMINISTRACIÓNS

Os representantes de Defensa do Común pediron ademais celeridade ás administracións públicas. Reprocharon ao Concello da Coruña o "incumprimento das mocións" e instaron ao Consistorio a presentar a demanda para a recuperación deste inmoble ao patrimonio público.

"Aprobaron numerosísimas mocións pedindo a devolución da Casa Cornide, a primeira en 2017", destacou Monge engadindo que "a Comisión Constitucional do Congreso dos Deputados tamén aprobou mocións en 2021" con este obxectivo.

Así mesmo, urxen á Xunta para que acelere os trámites para declarala Ben de Interese Cultural (BIC) que "non cambia a propiedade pero establece unha serie de medidas de protección". "A Xunta así como o Concello da Coruña parece que non ten présa", apostilou Monge.

Varias persoas concéntranse fronte á Casa Cornide, na Coruña
Varias persoas concéntranse fronte á Casa Cornide, na Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta