Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/09/2022 | Actualizada ás 16:19
O embaixador de Ucraína en España, Serhii Pohoreltsev, considerou ao Goberno central e ao pobo español como "amigo e socio" polo apoio brindado ao seu país de orixe ante a invasión rusa. Así, destacou as relacións con España e "espera poder" estendelas tanto no ámbito económico como comercial, dando "a posibilidade ás compañías españolas de participar na reconstrución de Ucraína", indicou.
Desta forma, o embaixador agradeceu o apoio do Goberno central a Ucraína por dar a "acollida cálida aos ucraínos que foron forzados a saír do país", tamén engadiu que "hai 136.000 ucraínos que teñen acollida da protección temporal e reciben todo tipo de apoio".
Estas palabras foron pronunciadas este venres na Praza do Obradoiro de Santiago nun acto no que o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, entregáronlle ao embaixador catro ambulancias que prestarán servizo á poboación ucraína ante a guerra.
Formoso sinalou que coa entrega destes vehículos sanitarios cumpriron cunha petición que o embaixador fixo "hai uns meses" nunha reunión na embaixada ucraína en Madrid. Deste xeito, o presidente da Deputación remarcou que as ambulancias "van ter un segundo uso no país" ao cal lle desexou que en "breve poida volver a paz".
Así mesmo, Formoso --tamén secretario xeral do PSdeG-- fixo referencia ao compromiso coa solidariedade, ante a cal manifestou que "todas as forzas políticas de Galicia sen ningún tipo de ambigüidade están en contra desta guerra".
Pola súa banda, o embaixador agradeceu a entrega dos vehículos sanitarios e lamentou que o Goberno de Putin "segue atacando" e sinalou que os cidadáns ucraínos deben "seguir resistíndose".
Ao concluír o acto, unha cidadá ucraína afincada en Santiago de Compostela pediu ao embaixador "un día para organizar a recepción dos cidadáns ucraínos" en Galicia e poder axudalos coa documentación. A muller, preguntada por Europa Press, sinalou que "hai familias que viven en Galicia e non teñen ningunha documentación e necesitan facer o pasaporte aquí".
Así, relatou que para realizar eses trámites é necesario que vaian a Madrid, á embaixada, pero en Galicia hai "60 familias de ucraínos" que viven en aldeas e vilas onde "non hai ferrocarril" ou que "teñen dificultade para desprazarse porque teñen nenos pequenos que non poden deixalos sós", indicou.
O alcalde de Santiago accedeu ás peticións da cidadá e indicou que se porá en contacto con ela, para poder organizar esa recepción.
Tras o acto na capital galega, o embaixador visitou, xunto ao presidente da Deputación o IES Rosalía Mera da Coruña, o centro habilitado na provincia para aloxar a refuxiados. Actualmente, nela atópanse 31 persoas acollidas das cales, sete son menores, segundo cifras da institución provincial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.