4,6 millóns de euros para mellorar a fachada marítima e abrir Ferrol ao mar

O convenio entre Xunta e Autoridade Portuaria permitirá construír ata 140 novas prazas de aparcadoiro, ademais dun carril bici e senda peonil.

Por E.P. | Ferrol | 23/09/2022 | Actualizada ás 18:09

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, Diego Calvo, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinaron este venres un convenio co presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, para investir conxuntamente 4,6 millóns de euros en obras para mellorar a fachada marítima da cidade departamental.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo; a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; e o o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo; a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; e o o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea | Fonte: Xunta.

No acto, Calvo debullou que se acometerán "distintas intervencións no acondicionamento da fronte do litoral" na zona do porto interior e que desta maneira "se vai empezar a abrir Ferrol ao mar".

"Non é normal que unha cidade como esta non poida vivir mirando ao mar e téñao que facer de costas, sendo este un dos primeiros pasos para lograr a ansiada apertura", detallou o vicepresidente segundo do Goberno autonómico neste acto na zona de Curuxeiras.

De acordo co convenio asinado este venres, a Xunta achegará 3,1 millóns de euros, mentres que os 1,5 restantes poraos a Autoridade Portuaria.

Segundo o proxecto, dividido en varias fases, entres os obxectivos están a construción de ata 140 novas prazas de aparcadoiro en dous emprazamentos diferentes, ademais de "fomentar o acceso peonil e ciclista".

O vicepresidente segundo da Xunta apuntou que o acondicionamento da fachada marítima de Ferrol enmárcase "na aposta do Goberno galego por conseguir unha mobilidade sustentable e menos contaminante nas cidades e áreas urbanas", ao mesmo tempo que "se garante a seguridade viaria de peóns, ciclistas e vehículos".

Pola súa banda, Francisco Barea detallou que "é necesario facer un esforzo para humanizar a contorna de Curuxeiras, e que grazas á colaboración da Xunta se vai converter en realidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta