A Xunta acepta que invadiu competencias do Estado na lei de medidas fiscais

Xunta e o Estado chegaron a un acordo para facer as modificacións oportunas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/09/2022 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

A lei de medidas fiscais e administrativas de Galicia de 2021, a coñecida como lei de acompañamento --que se tramita de forma paralela aos orzamentos galegos-- invadiu competencias do Goberno central e, tras abrirse un novo conflito, a Xunta e o Estado chegaron a un acordo para facer as modificacións oportunas.

O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez (esquerda), recibe o presidente do Goberno de Galicia, Alfonso Rueda, no Palacio da Moncloa
O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez (esquerda), recibe o presidente do Goberno de Galicia, Alfonso Rueda, no Palacio da Moncloa | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

O acordo, unha nova negociación da comisión bilateral de cooperación Estado-Xunta, foi publicado este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) e Boletín Oficial do Estado (BOE), e informouse ao Tribunal Constitucional para frear que o asunto chegase a este ámbito, xa que se resolveu pola vía do diálogo.

Ocorre, así mesmo, a poucas semanas de que o Parlamento de Galicia arrinque a tramitación dunha nova lei de acompañamento, un recurso empregado nas últimas lexislaturas polos gobernos de Alberto Núñez Feijóo, como o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lembrou na comparecencia ante os medios deste xoves. Nela, de feito, confirmou que este ano se tramitarán de novo os orzamentos coa lei de medidas fiscais e administrativas.

Unha das medidas estrela que se introduciu na tramitación parlamentaria a través de emendas do PPdeG --o grupo maioritario--, foi a compensación para os contratistas de obra pública que, no caso de que tivesen unha variación superior do 20 por cento sobre o recollido nos contratos e supuxese unha perda superior ao 6 por cento, poderían verse compensados pola Xunta.

OBRA PÚBLICA

O Goberno galego terá agora que adaptar esta disposición adicional segunda da lei de acompañamento para precisar que, para garantir a viabilidade económica dos contratos da obra pública, poderanse adoptar "unha revisión excepcional" dos prezos nos "termos previstos" no Real Decreto lei 3/2022, é dicir, conforme á normativa estatal.

Tamén deberá incluír que esta normativa básica será de aplicación tanto á Administración da Comunidade Autónoma e o seu sector público, como ás universidades públicas e entidades locais do ámbito territorial de Galicia, así como a calquera entidade da que forman parte o seu sector.

Esta posibilidade tamén permite a modificación de materiais para a elaboración do proxecto que permita un abaratamento pero non unha minoración da funcionalidade. Ademais, neste caso "deberá optarse na medida do posible por materiais cuxa elección responda a criterios que permitan unha redución das emisións e da pegada de carbono". En caso de ter que resolver o contrato, haberá que volver convocar unha licitación para finalizar a obra.

MODIFICACIÓN EÓLICA

Doutra banda, ante a moratoria eólica e a tramitación dos parques que a Xunta considerase estratéxicos, a Xunta terá que precisar cunha corrección lexislativa que a autorización administrativa de xeración "non poderá ser outorgada se o seu titular non obtivo previamente os permisos de acceso e conexión ás redes de transporte ou distribución correspondentes e ademais requira a lexislación básica de aplicación".

De feito, o acordo tamén contempla a inclusión dunha aclaración no texto lexislativo na mesma liña do explicado anteriormente, é dicir, se non obtivo a autorización administrativa á rede de transporte.

Doutra banda, tamén terá que modificar o procedemento para a xestión de biomasa, na que se incluirá que a potestade par a planificación da administración forestal non poderá afectar o caso de que unha infraesctructura sexa de titularidade estatal, nese caso corresponderalle á súa aprobación ás autoridades estatais.

O acordo publicado nos diarios oficiais tamén dá por resoltas as discrepancias relativas a catro artigos da lei de medidas fiscais e administrativas (21, 22, 24, 25 e 26), e recollen por escrito que entenden que os informes que deban ser solicitados por Galicia en relación coas infraestruturas de transporte de interese xeral, rexeranse polo disposto na normativa estatal sectorial aplicable.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta