Fernando Rois: "Os cazadores estamos a dinamizar o rural grazas ao gasto que realizamos coa nosa actividade"

Fernando Rois é o presidente da Asociación de Tecores de Galicia (ATEGAL). Nesta entrevista defende a práctica da caza como un dinamizador económico do rural e unha vía para a preservación de especies salvaxes. Por outra parte, considera necesaria a regulación de determinadas especies e cre que os animalistas non coñecen ben a realidade do monte.

Por Moncho Mariño | Santiago | 25/09/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Un dos puntos que abordaron durante a reunión entre ATEGAL e a Consellería de Medio Ambiente foi facilitar os trámites burocráticos aos tecores.

Un cazador, durante unha xornada de caza
Un cazador, durante unha xornada de caza | Fonte: Photogenic - Pablo Requejo - Europa Press.

Nós pedimos que as páxinas web non sexan tan complicadas de cumplimentar para a maioría dos cazadores pois son xente maior. Isto tradúcese en que non conseguen quitar licencias ou non poden facer trámites que lles piden. Por iso lle pedimos a simplificación das páxinas web.

-Sobre a actividade cinexética, cales foron as cuestións presentadas á Consellería?
Entre outras, saber que sucederá coa cuestión do lobo, se se vai ter en conta para os maiores de 65 anos non teñan que pagar licenza de caza, porque nos parece discriminatorio que non a paguen os pescadores e si quen practica a caza. Outro punto foi que as explotacións cinexéticas poidan realizar actividades de caza dentro dos recursos de cada explotación. Logo falamos sobre o coello pois ATEGAL está facendo uns estudos sobre este animal a nivel galego para saber se se pode recuperar a caza menor en Galicia. Neste momento só se está falando do xabaril e a caza menor está abandonada. De aí sacamos unha liña de axudas para facer biotopos  para o coello. En definitiva, foi unha reunión de traballo da que saímos contentos dela porque outras veces non saes igual de satisfeito mais desta podemos dicir que si.

-Sobre a caza do coello, cal é o problema con esta especie?
Había un problema que era a mixomatose e mermou o coello e logo chegou a hemorraxia vírica. Esta última fai desaparecer a especie nun lugar. A mixomatose é como se pasase un furacán, este mes pode estar o campo cheo de coellos e para o outro mes pode que non haxa ningún. Estase buscando unha solución para este problema mediante vacinas, infeccións a ver os coellos doutras zonas van mellor e en definitiva, buscamos unha solución para erradicar esa enfermidade que acabou co coello en Galicia.

-Co coello si, mais coa lebre?
Non, coa lebre non hai tanto problema, a lebre ten tempadas que aínda vai a máis.

Lobos
Lobos | Fonte: WWF - Europa Press.

 Neste momento só se está falando do xabaril e a caza menor está abandonada

-Non se realizaron batidas de coello para evitar a entrada de mixomatose nas granxas para cría de coello?
Esta enfermidade ten unha vacinación que dura seis meses, mais no monte non podes vacinar e revacinar a poboación de coello. O ideal sería unha vacina perdurable no tempo. Como nas granxas vacinan cada seis meses, deron controlado esa doenza. Se agora deixas nun monte un coello silvestre con vacina, ese animal pode criar, mais en seis meses a vacina perde a súa efectividade e nun ano é posible ter perdida toda a poboación outra vez.

-Nestes momentos existe sobrepoboación de xabaril e raposo nos montes?
Agora mesmo hai sobrepoboación de xabaril. Nós sempre dicimos o mesmo: quen paga os accidentes (vehículos con xabaril) de alí a 24 horas somos os tecores e os danos á agricultura tamén os asumimos os tecores. É imposible cubrir todo iso. A sobrepoboación de xabaril comezou cando nós avisabamos de que isto estaba para estourar e non nos facían caso, sempre nos obrigaban a cazar o cupo de cabezas que tiñamos. Imaxinemos un momento a cantidade de xabaril que habería en Galicia se non se cazase durante un ano, non podería haber nin agricultura. A caza hai que regulala. Agora vedaron o lobo e dentro dun tempo veremos as consecuencias, pois pode acabar co corzo ou o co cervo, pois necesitan alimento todos os días. Senón se regula hai un problema, que finalmente comerán cans domésticos e mesmo poden baixar ás cidades como fai agora o xabaril. Debemos regular a caza e quen inviste máis hoxe en día na caza son os cazadores, non hai administración ningunha que invista tanto como os cazadores nesta actividade. Por outra parte, os cazadores estamos recibindo por  parte dos animalistas uns ataques indiscriminados e non entendemos os motivos. Moitas veces eses animalistas son urbanitas que non saben nin que  é ir ao monte, intentan promover lexislacións atacando sempre aos cazadores, cando a biodiversidade está preservada en Galicia grazas aos cazadores. Quixera saber eu que tipo de investimento realizan en medioambiente os animalistas. Quen fai o investimento somos os cazadores, quen pagamos do noso peto  poder cazar.

-Cales son as estimacións sobre o movemento económico que proporciona a caza en Galicia?
É difícil calcular, mais estou certo que poden ser cen millóns de euros por ano. É dicir, o gasto que leva toda a actividade da caza. Por iso digo que é o motor do rural, pagando cotos, gasolineiras, compra de vehículos e hai establecementos hostaleiros que se non fose por esta actividade hai tempo que estarían pechados.

Agora vedaron o lobo e dentro dun tempo veremos as consecuencias, pois pode acabar co corzo ou o co cervo

-Como é a xestión dun TECOR?
É un terreo cinexético ordenado, o que antes eran cotos privados de caza até que a Xunta realizou este cambio. Agora o TECOR ten que facer cada cinco anos un inventario das especies que posiblemente teña dentro dos seus límites e despois hai que facer un plan cada ano do que se pode cazar en cada tempada dentro do TECOR. Logo temos que pagar unhas taxas, un tanto por hectárea, a Xunta obriga ter un 10% vedado dentro dese TECOR, e con ese plan é co que cazamos. En definitiva, é un terreo onde os  propietarios ou as comunidades de montes teñen que ceder os dereitos cinexéticos sobre ese espazo onde, efectivamente, existe diversidade de especies e de tipos de terreos.

-De onde vén o motivo polo que non hai relevo xeracional dentro do mundo da caza?
Antes podías ir co teu pai de caza e pouco a pouco ías introducíndote. Agora aos menores de dezaseis anos non lles deixan ir ao monte. Outra cuestión son os freos que poñen para ir ao monte. Ti antes sacabas a licenza de cazador e o permiso de armas e ías de caza. Agora tes que ter un exame para quitar a licenza, un exame para quitar o permiso de armas e iso conleva uns gastos importantes antes de comezar a cazar e logo mercar a arma. Todo iso desanima á xente nova a quen creo que se lles debera facilitar a entrada neste mundo. Os exames desaniman á xente nova mais antes eran os maiores quen che aprendían a respectar o monte e a caza.

o gasto que leva toda a actividade da caza. Por iso digo que é o motor do rural

-Cales son os beneficios dun relevo xeracional entre cazadores?
O beneficio sería moi alto. Pensemos no despoboamento do rural. Os cazadores estamos a dinamizar o rural. Nós saímos da casa e todo é gastar, nos lugares onde comemos, nas pezas que cazamos, en combustible ou en vehículos. A caza move moito diñeiro para dinamizar o rural, o rural non ten futuro sen a caza. Esta actividade permite que os agricultores poidan recoller cada ano os seus cultivos. O relevo xeracional é importantísimo para que o rural e o mundo do consumo no rural só se pode facer a través de cazadores e pescadores. A caza move roupa, equipamentos e por tanto, economicamente é importante. E eu pregunto, onde están os animalistas realmente? Nas cidades e non saben o que se move no monte.

-Antes falábame do lobo, hai un tempo apareceron osos en Ourense en parte debido ao abandono do rural. Ante este retorno de especies a lugares onde habitaron hai tempo, os cazadores que opinión lles merece este retorno de especie?
Parécenos marabilloso, nós sempre preservaremos especies, non buscamos cazar osos pardos. Con todo, se un día se contabilizaran en Galicia 10.000 osos pardos, podería ser viable mantelos? Ao mellor non, por iso sería necesario o control desa poboación para que non houbese danos. Estamos a favor do oso pardo e faremos o posible para recuperar o lobo. Non obstante, Galicia ten máis manadas de lobos que Francia e Portugal xuntos. Non se debera dicir que en Galicia non se cacen lobos pois se temos máis manadas que dous países xuntos, iso debe regularse por parte da administración. Lembremos que até hai un ano o lobo podía cazarse en Galicia. Por que subiu a poboación de lobo en Galicia? Cazando, porque quen se preocupa de preservalo somos os cazadores. Agora non se pode cazar, pois ao mellor dentro dun tempo piden que volvamos a cazar lobo, por iso as especies deben controlarse.

-Si, mais a caza de lobos en Galicia eran batidas controladas.
Era unha caza moi controlada e que tiña os seus trámites. Cal é o problema? Que agora non se pode e ao mellor chega un momento en que non poderás pasear co teu can porque o comerán os lobos. Desde que acaben coa caza, pois neste momento estamos vendo diminuír a caza do corzo nun 60 ou 70%, e cando diminúan outras especies de animais que come o lobo, irán por outras especies, como por exemplo os cans dos cazadores. Non é raro que nun día de caza poidan desaparecer dous ou tres.

-O corzo tamén é unha especie cinexética. A día de hoxe tamén é un animal con sobrepoboación?
Non, a día de hoxe non. O corzo tivo o seu momento de expansión, mais hoxe en día hai TECOREs que teñen un 80% menos de corzo, aínda máis, penso que ao final, o corzo deberá ser un especie protexida.

Agora non se pode cazar, pois ao mellor dentro dun tempo piden que volvamos a cazar lobo

-O mesmo pasou co cervo, entón?
O cervo hai un pouco máis. Non ten o mesmo problema que o corzo ademais de ser unha especie que se defende moi ben ante ataques de lobos, por tanto ten menos merma que o corzo.

-Desde algunhas armerías falábase hai uns anos que os depósitos dos cuarteis da Garda Civil estaban cheos de escopetas por non renovar as licenzas. Non se fan poxas de escopetas?
Non, agora está prohibido, agora as escopetas que se retiran deben destruírse. Toda arma entregada no cuartel e non haxa ninguén con permiso de armas para retirala porque lla venden, vai para un taller onde son desmontadas e creo que a parte de metal vai para fundir.

Fernando Rois, presidente de ATEGAL
Fernando Rois, presidente de ATEGAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ladnarg

iste nacho nom puxo un pe en francia na sua vida . nom a de haber mais lobos en galicia que en francia ....pois claro ho ...