Fernando Mahía retrata nun libro os "moitos" Estados Unidos a través do baloncesto

O xornalista coruñés debuta cunha obra que transita pola literatura de viaxes e a crónica social e deportiva.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2022 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

O escritor Fernando Mahía (A Coruña, 1990) percorreu máis de 15.000 quilómetros en pouco máis de tres meses cun vetusto monovolúmen de máis de 20 anos que o levou dunha punta á outra dos Estados Unidos para trazar un retrato do xigante norteamericano coa escusa do deporte da canastra.

Tres anos despois, este xornalista freelance e tradutor asentado en Donostia plasma a viaxe daquel verán do 2019 no libro 'Coast to coast. Unha viaxe polas marxes de Estados Unidos a través do baloncesto', o debut literario do coruñés que editou Contra.

"Desde fóra sempre se di: 'Estados Unidos é así'. Pero hai moitos Estados Unidos dentro dos Estados Unidos. Nada ten que ver un pobo de clase media alta na costa de California onde son case todos veganos e progresistas en certo sentido, cun pobo ou unha cidade pequena en Alabama, onde son súper conservadores. Racismo estrutural haino en todo o país, pero alí nesas zonas nótanse moito máis as diferenzas", resume o autor en conversación con Europa Press.

Ao longo de case 300 páxinas entrecrúzanse os retratos da emigración latina nos barrios de Nova York, os "buracos do mundo" dos barrios oprimidos da Gran Mazá, a decadencia das zonas post industriais do 'Rust Belt', a batidora cultural do sur, a isolación do pouco que queda dos pobos nativo americanos ou a opulencia da prosperidade do Oeste, confrontada cara a cara cos miles de persoas que sobreviven nas rúas de San Francisco.

"Hai cidades que son enteiramente latinas, con todo o que iso leva cultural e socioloxicamente. Cando a xente pensa no país identifícao máis con Nova York ou coa realidade máis anglo. Pero hai moito máis que iso", remarca. Para desenmascarar esta realidade poliédrica da sociedade americana, Fernando Mahía tira de dúas das súas paixóns: as viaxes e a canastra. "O baloncesto é o deporte que che permite abarcar e pór en contexto todo o que son os Estados Unidos", sinala.

"Co baloncesto pódese chegar a todas as capas da sociedade norteamericana. É un deporte multicolor. Inventouno un canadense, os afroamericanos levárono a outro nivel e xógase en todos os recunchos do país, dá igual se son ricos ou pobres, porque o único que necesitas é unha superficie medianamente plana, un aro e unha pelota", incide o autor.

Así, subliña que nos deportes que ten a etiqueta de ser "máis estadounidenses", como o béisbol ou o fútbol americano, "non existe a metade da poboación" porque a práctica feminina é pouco máis que residual.

O ACTIVISMO DO BALONCESTO FEMININO

"O baloncesto feminino cobrou moita importancia nos últimos anos. Non só deportivamente, senón tamén no plano social, cun compromiso moi activo en cuestións raciais ou LGTBi", incide Fernado Mahía, que narra nun dos capítulos do libro que foron xogadoras das Minnesota Lynx da WNBA (irmá da maior liga do mundo da canastra) as pioneiras no uso de camisetas co lema 'Black Lives Matter', moito antes que o fixesen os seus compañeiros da NBA.

A viaxe do escritor coruñés polo xigante norteamericano permitiulle coñecer en persoa a Ryneldi Becenti, a primeira nativoamericana en chegar ao baloncesto profesional e a quen Fernando Mahía acompañou en Shiprock, un dos pobos da Nación Navajo, no estado de Novo México.

Con todo, recoñece que a persoa que maior impacto deixou nel ao longo da viaxe foi Lusia Harris, a primeira en ser elixida por un equipo da NBA. Fernando puido conversar no soportal da súa casa cunha Harris xa moi excedida polos achaques físico e polo paso do tempo que deixou no esquecemento da historia do deporte á mellor xogadora do baloncesto dunha época na que o basket feminino era pouco máis que unha rareza.

A desigualdade das mulleres cos seus compañeiros homes no mundo da canastra é outro dos asuntos nos que cava o escritor coruñés, que adereza as páxinas coa música que o acompañou na súa furgoneta durante a viaxe: do hip hop nacido no Bronx, ao blues chegado a Chicago tras acompañar aos negros desde o sur onde xurdiu ou a 'Americana' do Mid West.

"A desigualdade está presente alá onde mires. Pasa en todo o mundo, pero en Estados Unidos, como bandeira do neoliberalismo salvaxe, é moito máis evidente", relata Fernando Mahía, que antes de embarcarse nesta viaxe residiu durante case dous anos en San Francisco, onde traballou nun hotel situado no barrio do Tenderloin no que viven na rúa centos de persoas que acampan a poucos metros das sedes dos xigantes tecnolóxicos que serven de motor a unha das cidades máis ricas do mundo.

San Francisco, lugar onde naceu a idea que o levou á estrada no verán do 2019, o xornalista coruñés concluíu aquela viaxe que narra en 'Coast to coast', escrito no seu lugar de residencia actual, a capital de Guipúzcoa. Alí traballa no seu novo proxecto, outro libro de viaxes, neste caso, máis próximo: unha viaxe a pé pola marxe este de Galicia, onde se confunde con Asturias.

O escritor Fernando Mahía
O escritor Fernando Mahía | Fonte: Twitter

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta