A Xunta defende as baixadas de impostos para que "as familias decidan en que gastar"

Diego Calvo urxe ao Goberno que recorra o veto á pesca de fondo en zonas protexidas porque cada vez "hai menos marxe".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2022 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, defendeu este sábado as políticas de baixadas de impostos ante as críticas da oposición --BNG e PSdeG--, para que así sexan "as familias", nun escenario onde "lles custa chegar a fin de mes", as que decidan "en que gastar" o diñeiro.

Así o aseverou o tamén conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes nunha entrevista concedida á Radio Galega, ao ser preguntado sobre a bonificación do 50 por cento --un 25 máis-- anunciada polo presidente galego, Alfonso Rueda, do imposto de patrimonio para 2023.

Calvo, quen insistiu en que Galicia ten un camiño fiscal "propio" --esta mesma semana, Andalucía anunciaba a bonificación do 100 por cen deste tributo--, xustificou que con esta decisión os gobernos do PP están a trasladar a súa "receita", con rebaixas de impostos que dan "bos efectos".

"Nesta situación na que ás familias lles custa chegar a final de mes, é mellor que teñan máis diñeiro elas e non o Goberno", insistiu o 'número tres' da Xunta, tras denunciar que o Executivo estatal leva recadados "máis de 22.000 millóns de euros máis este ano" con impostos debido á inflación.

Deste xeito, Diego Calvo lamentou que "a esquerda en xeral está moi mobilizada contra as políticas do Partido Popular a nivel nacional". A isto precisamente achacou as críticas vertidas por BNG e PSdeG desde que Rueda anunciou a ampliación da bonificación do imposto do patrimonio por "beneficiar aos máis ricos".

O vicepresidente segundo da Xunta considera que os partidos da oposición se poñen "nerviosos" ante unha medida que atopa, ao seu xuízo, "bastante aceptación" entre a cidadanía. "A esquerda quere ter todo o diñeiro da maior parte da poboación e despois repartir axudas. Nós cremos que os que teñen que decidir en que gastalo son as familias", insistiu.

IMPOSTO ÁS GRANDES FORTUNAS

Así mesmo, Calvo arremeteu contra o Goberno central tras anunciar esta semana a ministra de Facenda, María Jesús Montero, un novo imposto ás grandes fortunas. "Quere inviabilizar a proposta do PP dicindo que só se poden subir os impostos", dixo o mandatario galego.

De feito, o vicepresidente segundo da Xunta asegurou que "a propia Unión Europea di" que o imposto do patrimonio "se ten que acabar eliminando". Este novo tributo, segundo Diego Calvo, débese á "presión" que exerce dentro do Consello de Ministros os integrantes de Unidas Podemos. "Que fagan o que teñan que facer, nós, como Goberno galego, tamén faremos o que temos que facer", sentenciou.

VETO Á PESCA DE FONDO

Por outra banda, a entrevista na Radio Galega tamén abordou a decisión da UE de pechar o acceso á pesca de fondo en 87 zonas protexidas en augas do Atlántico Nororiental, ante o Consello de Ministros de Pesca que se celebrará o luns para debater as queixas de España, Francia e Irlanda respecto diso.

Precisamente, Diego Calvo viaxou esta semana a Bruxelas e reuniuse co embaixador de España ante a UE, Raúl Fuentes, quen --segundo as súas palabras na entrevista-- manifestou que o Goberno central "non estaba totalmente decidido" a presentar un recurso xudicial ante esta decisión.

Nesta conxuntura, o vicepresidente da Xunta advertiu que cada vez "existe menos marxe" para levar este asunto aos tribunais --entrará en vigor o 9 de outubro--, polo que urxiu ao Estado a facelo "canto antes" e a pedir como medida cautelar que se paralice a súa efectividade.

Aínda que recoñeceu que non ten "especial confianza" en que o Goberno central finalmente o recorra, reafirmou que Galicia "o vai facer" se non.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo (esquerda) e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a toma de posesión dos membros do Goberno de Galicia / Álvaro Ballesteros - Europa Press. / Europa Press
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo (esquerda) e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a toma de posesión dos membros do Goberno de Galicia / Álvaro Ballesteros - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta