Pontón pide "ampliar" o BNG no 40 aniversario da formación: "Ser nacionalista é o máis cosmopolita que hai"

A portavoz nacional da formación defende un "nacionalismo sen peros".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 25/09/2022 | Actualizada ás 15:39

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu "ensanchar e ampliar" a formación no 40 aniversario do seu nacemento, que se ha celeberado este sábado no Frontón Municipal da Coruña --lugar que acollía fai catro décadas a fundación do BNG--. Arroupada de nacionalistas históricos como Camilo Nogueira e por líderes da formación máis recentes como o deputado no Congreso polo BNG, Néstor Rego, ou o coruñés, Francisco Jorquera, Pontón marcou como "gran reto político, abrir o BNG a todos".

"Ser do BNG é un acto de amor con Galicia, un compromiso vital coa nación. Temos que confiar en Galicia e converter ese sentimento en nacionalismo político consciente; abrir o BNG a todos", defendeu. Esa apertura, apuntou a líder nacionalista, debe basearse nun "nacionalismo sen peros, nin matices nin adxectivos". "Ser nacionalista é o máis cosmopolita que hai: querer cambiar o mundo desde o máis próximo", asegurou.

Ademais da clave nacionalista, Pontón apuntou na súa intervención dúas razóns máis que fan "forte ao BNG 40 anos despois": os seus militantes e as súas políticas en clave galega. "Fomos capaces de buscar solucións adaptadas á sociedade. Cando quixemos copiar a outros, debilitámonos. Apostar por solucións alternativas e en clave galega, dános credibilidade", sinalou.

A portavoz nacional encomiou que o BNG fose capaz de evolucionar coa sociedade, aínda que non entrou en como se foi desenvolvendo esa evolución política. "Hoxe estamos aquí grazas a todos os que abriron camiño e fixeron do BNG unha ferramenta de esperanza", remarcou, con todo.

Celebración do 40 aniversario do BNG
Celebración do 40 aniversario do BNG | Fonte: BNG

CRÍTICA AO 'ESTILO RUEDA'

Si o fixo no social, lembrando a situación socioeconómica de 1982 e comparándoa coa de 2022. Aínda que reivindicou os dereitos sociais alcanzados, lamentou que haxa aínda algo que non cambiou: "o poder de Estados Unidos e do imperialismo, que seguimos sufrindo, que permite que unha minoría privilexiada se forre durante esta crise. E algúns que van de progres, pero abrazan a OTAN e o gasto armamentístico. Desde o BNG dicimos non ao militarismo e si á solidariedade, ao diálogo como solución ao conflito e ao internacionalismo", comentou. 

Ante a crise actual, Pontón apostou por que sexan os galegos os que tomen "as súas propias decisións" e remarcou que o Bloque "non ten ataduras nin con Madrid, nin con Bruxelas nin cos grandes lobbies económicos".

Sobre isto, lembrou algunhas das iniciativas nacionalistas para que "a crise non volva ser un mazazo para os galegos" --como a tarifa eléctrica galega ou que paguen máis impostos as grandes corporacións--. "Non sería bo momento para que a banca devolva o 60 mil millóns que lle demos entre todos?", preguntouse. Criticou ademais as últimas decisións da Xunta, asegurando que "o estilo Rueda é o mesmo que o de Feijóo: facer caso do que diga Madrid".

"Esta semana o PP votaba en contra de que as eléctricas paguen máis. O presidente de Ibrerdrola sabía cando se abrazou a Feijóo no Obradoiro a quen se abrazaba. E a baixada de impostos aos multimillonarios. Dime a quen lle baixas os impostos e direiche para quen gobernas", censurou Pontón. Os galegos, afirmou a líder nacionalista, "merecen algo mellor en plena crise que o PP, que quita o cartón básico mentres regala entradas VIP para concertos e dan pelotazos fiscais para unha minoría".

"O máis necesario --e que non está a facer o PP, censurou-- é pór a Galicia por diante. Fagámolo", concluíu Pontón, que foi despedida cunha ovación entre berros de 'Presidenta'.

CAMILO NOGUEIRA, "IMPRESCINDIBLE"

Pontón levou varias ovacións ao longo da mañá e o mesmo ocorreu con Camilo Nogueira, cuxa figura foi reivindicada pola eurodeputada Ana Miranda. Para Miranda, que tamén lembrou a Beiras, Nogueria é "un imprescindible do nacionalismo galego e da historia contemporánea de Galicia". A eurodeputada arrincou así unha sonora ovación, cos asistentes ao acto en pé, entre xestos do propio Nogueira pedindo emocionado que parasen.

Os actores Isabel Risco e Francisco Pernas, encargados de conducir o acto, tamén reivindicaron a históricos como os mencionados e a outros como Moncho Reboiras ou Anxo Quintana nun diálogo irónico e musicado no que repasaron as raíces da formación. O acto finalizou co himno galego, unha sonora ovación e cánticos espontáneos de 'Galiza Ceibe, poder popular'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta