Sobe o paro de longa duración en Galicia, que afecta unha de cada tres persoas desempregadas

Trátase dun dato similar á media estatal.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 26/09/2022 | Actualizada ás 11:11

Comparte esta noticia

Case unha de cada tres (30,1%) persoas paradas galegas é de longa duración, o que sitúa Galicia moi próxima á media estatal (30%), segundo o 'Monitor Adecco de Oportunidades e Satisfacción no Emprego (II): seguridade no emprego e conflitividade laboral'.

Desta maneira, Galicia é unha das dez autonomías onde creceu o número de parados de longa duración (+5.400), mentres que caeu o número dos de curta duración (-18.400), con datos do segundo trimestre deste ano comparados con 12 meses antes.

Tal como explicou o director de Adecco Group Institute, Javier Blasco, o paro de longa duración é un fenómeno que "responde normalmente, ben a colectivos de todas as idades e con escasa cualificación e por iso difícil inserción, ben a prexuízos sobre o potencial do candidato senior, independentemente da súa cualificación, ou ben a territorios con baixas taxas de desemprego onde existen bolsas de paro 'estrutural', que mesmo poden ser alleos á procura activa de emprego".

Con todo, Galicia atópase entre as rexións onde a cobertura por desemprego baixou, cun descenso de 2,7 puntos porcentuais, que leva esta variable ata o 74,8%. Noutras palabras, tres de cada catro persoas en paro na autonomía galega están cubertas por unha prestación. A pesar diso, Galicia ten o cuarto mellor dato a nivel autonómico.

SINISTRALIDADE LABORAL

O estudo de Adecco tamén ofrece datos sobre a sinistralidade laboral, que sitúan Galicia como a quinta comunidade con menos accidentes no traballo, con 65,9 por cada 10.000 ocupados, só por detrás de Canarias, Madrid, Comunidade Valenciana e Castela e León.

No entanto, este dato creceu en Galicia de forma máis marcada que no resto de España, cun incremento do 28,2% interanual. En canto á conflitividade laboral, en Galicia o número de folgas aumentou un 17,7% en 12 meses, chegando a 14,7 conflitos cada 100.000 empresas.

Tamén creceu o número de participantes en folgas, concretamente un 47,1%, que levou esta variable a 41,9 folguistas cada 10.000 ocupados. Ao aumentar marcadamente máis o número de folguistas que o de conflitos, Adecco explica que isto podería supor que o seguimento a cada folga é maior.

Paro, Parados Emprego, Desemprego, Traballo, INEM, Seguridade Social, Autónomo. EUROPA PRESS - Archivo
Paro, Parados Emprego, Desemprego, Traballo, INEM, Seguridade Social, Autónomo. EUROPA PRESS - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta