A defensa da Toxa fronte a "La Toja" chegará ao TSXG

A Mesa recorre ante o TSXG a prohibición de concentrarse polo topónimo da Toxa durante o Foro La Toja.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2022 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a decisión de prohibir a manifestación "contra a deturpación do nome da Toxa na cuarta edición dun foro que conta con recursos e representantes públicos".

Así o informa nun comunicado e relación ao encontro que terá lugar no Grove. Segundo a resolución da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, esta protesta podería "afectar á orde pública" e á "seguridade de persoas e bens", coincidindo coa apertura deste evento a cargo do rei Felipe VI, entre outras autoridades.

A Mesa explica que "sen prexuízo da decisión que poida tomar finalmente o TSXG" mantén a convocatoria "trasladándoa ao paseo marítimo do Grove, á altura da confluencia entre a rúa Castelao e Beiramar".

Ademais, explica que xa se dirixiu tamén a todos os representantes de institucións públicas que confirmaron a asistencia ao Foro, "reclamándolles que insten á organización a empregar a única forma lexítima e oficial do topónimo". "Rexeitando calquera presenza no foro mentres non garantan o cumprimento da lexislación que ampara o uso da lingua galega", engaden.

Entre os representantes públicos, está prevista tamén a asistencia do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o da Xunta, Alfonso Rueda, "que amparan deste xeito o incumprimento da lei e o desprezo pola lingua e cultura galegas", sostén A Mesa pola Normalización Lingüística.

Manifestación da Mesa pola Normalización Lingüística en Illa da Toxa, no Grove, para defender o topónimo oficial fronte ao Foro La Toja
Manifestación da Mesa pola Normalización Lingüística en Illa da Toxa, no Grove, para defender o topónimo oficial fronte ao Foro La Toja | Fonte: A Mesa - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta