O Goberno central nega que haxa bandas organizadas de ocupación de vivendasa en Galicia

A Administración estatal cifra en 110 as ocupacións e a galega elévaas a 600. A Xunta pide penas de cárcere.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/09/2022 | Actualizada ás 17:36

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, rexeitou a existencia de bandas organizadas de ocupación de vivendas en territorio galego, mentres que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, pediu unha reforma lexislativa nesta materia.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, manteñen unha reunión
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, manteñen unha reunión | Fonte: Xunta de Galicia.

"Unha reforma do Código Penal, as penas teñen que ser de cárcere para 'ocupas' ilegais e unha ocupacion non pode ir máis aló das 48 horas desde que se detecta", dixo tras pedir tamén que se lexisle sobre as bandas organizadas.

Fíxoo tras a reunión que mantivo con Miñones. E puxo en cuestión de novo a nova lei de vivenda e cifrou, segundo datos da Xunta, en 600 as ocupacións existentes en Galicia.

Fronte a este dato, o delegado do Goberno asegurou, aludindo a informes da Policía Nacional, que non hai "nin unha soa vivenda" en Galicia ocupada por "bandas organizadas" e cifrou en 110 as ocupacións, de acordo cos datos do Ministerio.

"Temos que actuar con responsabilidade e rigor", dixo Miñones, quen asegurou que estes casos supoñen un "0,2% en canto a delitos penais" e aludiu a un descenso do sete por cento nas ocupacións.

"Cada caso preocúpanos", insistiu tamén, asegurando que a ocupación en Galicia son de "vivendas deshabitadas nas que non se coñece os propietarios ou son de entidades bancarias que non denuncian" o que, engadiu, dificulta a posta en marcha dos mecanismos xudiciais.

Pola súa banda, a conselleira defendeu que a lei de vivenda "ten que dar dereito a toda persoa a unha vivenda digna, pero non dereito a que unha ocupación sexa o trampolín para ter unha vivenda". "É un problema que vai a máis", expuxo, cifrando nun 15% o incremento de acordo cos datos da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta