A frota galega, preocupada polo veto á pesca de fondo: "Moitos barcos terán que parar"

"Os argumentos que dá Sinkevicius son peregrinos. Di que se toma en base á mellor información dispoñible cando é falso", sinala a Organización de Produtores Pesqueiros de Burela.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 26/09/2022 | Actualizada ás 20:19

Comparte esta noticia

Frota pesqueira galega criticou a decisión do comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, de manter a entrada en vigor, o próximo 9 de outubro, do veto á pesca de fondo en 87 caladoiros, e sinalou que se trata dunha decisión "atropelada" e que afectará en gran medida ao sector: "Moitos barcos terán que parar".

Así, en declaracións a Europa Press, o xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela, Sergio López, lamentou que a Comisión Europea saltase os procedementos establecidos e puxese en marcha esta norma sen consultar ao sector e tendo en conta datos "obsoletos". "Os argumentos que dá Sinkevicius son peregrinos. Di que se toma en base á mellor información dispoñible cando é falso", engadiu López, quen explicou que sería necesario, ademais, un estudo sobre a implicación socioeconómica da medida que "non existe".

Neste sentido, indicou que a iniciativa, que naceu en 2016, se centraba no arrastre de fondo e quedou pendente de regulamento de execución. Agora, este regulamento "excédese" e afecta a outras especies e artes de pesca "sen datos científicos suficientes nin adecuados".

Neste punto referiuse á pesca de pescada de petisco, que utiliza "máxima selectividade" a través do anzol e está certificada pola súa "baixa pegada ambiental". Por iso, trasladou a preocupación do sector, xa que esta medida afectará uns 60 buques de altura e a moitos máis barcos de litoral, augurando que "moitos barcos terán que parar".

"Vai ser imposible recolocar a toda a frota. Suporá a paralización dun número importante de barcos", engadiu, e explicou que moitos dos caladoiros afectados son os principais onde se pescan algunhas especies e nalgunhas zonas hai menos de 400 metros de profundidade, a pesar de que a medida quería protexer as zonas de entre 400 e 800 metros de fondo.

Sergio López agradeceu as palabras do ministro de Pesca, Luís Planas, e pediulle que recorra a medida ante o Tribunal de Xustiza Europeo para que non entre en vigor, xa que o "cartucho político se esgotou".

XANELA DE ESPERANZA

Pola súa banda, o presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), Javier Touza, tamén criticou a posición "tan radical" do comisario europeo de Pesca, pero sinalou que aínda queda unha "xanela de esperanza" debido a que España estivo arroupada este luns por outros países europeos como Portugal, Francia e Irlanda, pero tamén Dinamarca ou Países Baixos.

"Non estamos sós", subliñou en declaracións a Europa Press, e destacou que o sector seguirá loitando para que esta medida afecte o menos posible aos pesqueiros galegos, que se verían "forzosamente obrigados a parar". Así, lamentou a "situación límite" que vive o sector, que xa ten a vista posta na campaña de Nadal, moi importante para os pesqueiros e que podería verse afectada por esta medida.

A pesar diso, agradeceu as palabras de Planas e a posición "unánime" dos eurodeputados españois e esperou a que na Comisión de Pesca do próximo 29 de outubro, onde participará o comisario, se poida volver analizar a situación.

Pescadores
Pescadores | Fonte: arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta