Termatalia, a feira sobre turismo de saúde que reúne empresas e profesionais de 25 países

Despois dun parón de 3 anos volve a Expourense co seu formato completo os días 29 e 30 de setembro. Na cita haberá 140 expositores e 70 poñentes de 25 países.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 29/09/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Para abordar o turismo de saúde, Termatalia acollerá nas instalación de Expourense a expositores de 25 países de Europa e América. Dende a organización informan tamén que celebrarase un ‘Workshop de contratación turística’ no que está confirmada a presenza de 25 touroperadores de España, Alemaña, Canadá, Colombia, Estados Unidos e Francia.

Presentación Termatalia 2022. Foto: Prensa Expourense
Presentación Termatalia 2022. Foto: Prensa Expourense

Este encontro, que chega á súa XX edición, volverá incidir nas claves para o desenvolvemento do sector: negocio, formación e capital relacional. Para iso, contempla un amplo e completo programa de actividades profesionais nas que se evidenciará a necesidade da cooperación público-privada para a dinamización do Turismo Termal e de Benestar a nivel mundial.

FORMACIÓN E ACTIVIDADES PARA O PÚBLICO

Termatalia 2022 contemplará tamén unhas Xornadas Técnicas Profesionais nas que se abordará a relevancia da auga termal dende distintas perspectivas: turística, patrimonial, científica e xurídica. Ademais de táboas redondas, terá lugar a primeira sesión do Congreso da Sociedade de Hidroloxía Médica o venres 30 de setembro pola tarde.

Tamén haberá presentacións dirixidas a público profesional, como a que ofrecerá Aqualia sobre ‘Novas tendencias na xestión da auga, enerxía e minerais en balneoterapia’ ou a presentación dun estudo sobre os efectos da balneoterapia en doentes Covid19 persistente que se fai na Vila Termal de Caldes de Montbui. E como complemento, as xornadas sobre termalismo inclúen formacións específicas sobre augas minerais e peloides termais.

De cara ao público non profesional, a organización de Termatalia prepara tamén un completo programa de actividades para que “poida vivir a feira regalándose saúde e benestar”. Neste senso, unha das novidades deste ano é a campaña que impulsa a Deputación de Ourense repartindo no seu stand sesións termais ao prezo dun euro para calquera dos 5 balnearios da provincia adscritos á promoción.

Tamén haberá obradoiros sobre alimentación sana, obradoiros de cociña, un stand no que se realizarán medicións antropométricas e onde se aconsellará sobre hábitos de vida saudable, áreas de masaxe, un Bar de Augas con marcas internacionais de 5 países e un Bar de Cafés no que tamén se explicará a importancia da auga á hora de elaborar un bo café.

Para seguir ao detalle o programa de presentacións actividades pódese acceder á páxina web de Termatalia 2022.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta