O TSXG obriga o Goberno a permitir a concentración na Toxa contra a deturpación do topónimo

A Mesa lamenta o "talante pouco democrático" que, aseguran, amosaron os representantes do goberno español en Galicia, que "optaron por limitar os dereitos divís e lingüísticos da poboación".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2022 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de resolver a favor do recurso interposto pola Mesa pola Normalización Lingüística contra a decisión da subdelegación do goberno español en Pontevedra de prohibir a denuncia pública da deturpación do nome lexítimo da Toxa na cuarta edición do "Foro La Toja". O TSXG obriga así o goberno español a permitir a concentración que se celebrará este xoves, 29 de setembro, ás 19 horas no paseo do Mar da Illa da Toxa, tal e como propuxera a policía local do Grove no seu momento.

Manifestación da Mesa pola Normalización Lingüística na Illa da Toxa, no Grove, para defender o topónimo oficial fronte ao Foro La Toja
Manifestación da Mesa pola Normalización Lingüística na Illa da Toxa, no Grove, para defender o topónimo oficial fronte ao Foro La Toja | Fonte: A Mesa - Europa Press

A Mesa pola Normalización Lingüística lamenta o "talante pouco democrático" que, aseguran, amosaron os representantes do goberno español en Galicia, que "optaron por limitar os dereitos divís e lingüísticos da poboación en lugar de asumir as alternativas que ofrecían as propias forzas e corpos de seguridade para poder garantilos e que non se molestaron en compartir coa entidade organizadora da protesta". 

O presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira, afirma que esta resolución pon en evidencia o ánimo da delegación do goberno en Galicia de "facer calar a quen defende o exercicio dos dereitos civís e lingüísticos, mentres ampara quen os incumpre". "Se as autoridades asistentes ao acto tivesen realmente vontade de garantir o cumprimento da lexislación", engade Maceira, "non acudirían a un acto que fai gala do desprezo por ela".

A Mesa insta a delegación do goberno a garantir os dereitos lingüísticos e civís en toda a administración do Estado e no comportamento dos seus representantes no canto de empregar a prohibición e as sancións contra quen exerce estes dereitos. "Se a Delegación do Goberno quere impedir manifestacións como a gañada diante do TSXG", remata Marcos Maceira, "só ten que actuar con algo máis de dilixencia á hora de garantir o uso do galego en organismos como Facenda, Seguridade Social, servizo de emprego, forzas de seguranza ou TVE". "Non precisa tanta como a amosada para prohibir o exercicio do dereito ao uso do galego ou á manifestación", sentenza.

A Mesa agradece o apoio recibido estes días, "o das persoas que forman parte da súa equipa xurídica, dirixidas pola avogada e vicepresidenta da Mesa Elsa Quintas, que traballaron a pesar das argucias procesais da delegación do goberno, como a notificación da prohibición cun evidente cambio de argumentario o venres á tarde, o que obrigaba a elaborar o recurso en fin de semana".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta