A Xunta convocará concurso de méritos en educación para 1.156 prazas en 148 especialidades

Do total de prazas, as 147 prazas do extinto corpo de Profesores Técnicos de Formación Profesional non se poderán convocar ata que o Ministerio de Educación publique a norma de desenvolvemento da nova lei de FP

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2022 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia remitiu ás organizacións sindicais que forman parte da mesa sectorial docente a proposta de prazas por especialidade da convocatoria de concurso de méritos que organiza a Consellería de Educación para os próximos meses. Estiman convocar 1.156 prazas en 148 especialidades.

Así o informou o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, que lembrou que a distribución de prazas deste concurso cumpre cos requisitos establecidos polo Goberno central para estabilizar ao profesorado. O vindeiro luns celebrarase unha mesa sectorial para concluír o proceso.

Segundo explican, do total de prazas, as 147 prazas do extinto corpo de Profesores Técnicos de Formación Profesional non se poderán convocar ata que o Ministerio de Educación publique a norma de desenvolvemento da nova lei de FP no que respecta ao novo corpo que se crea (profesores especialistas en sectores singulares da FP) e ás especialidades do extinto corpo que se integran agora no de profesores de ensino secundario.

"A convocatoria deste concurso de méritos dá resposta á obrigación imposta polo Goberno central a través do Real Decreto que modifica de forma transitoria o sistema de oposicións para alcanzar unha taxa de interinidade do 8%, cifra que Galicia xa ten e que contrasta coa media do 25% que se estima de media para o conxunto das Comunidades", remarcan nun comunicado.

A previsión, segundo apuntou o propio director xeral, é que o sistema educativo galego alcance unha interinidade de aproximadamente o 6% ao finalizar o proceso de estabilización que desenvolve a Xunta, "con case 4.000 prazas entre as oposicións desenvolvidas durante o pasado verán, este concurso de méritos e o concurso-oposición polo sistema transitorio que terá lugar no verán de 2023". Tras a mesa do próximo luns, o seguinte paso sería a publicación do proceso no Diario Oficial de Galicia (DOG) para abrir o concurso.

Lidia Preito, presidenta da ANPA do CEIP Vilar de Barrio, no que denuncian a falta de profesores
Lidia Preito, presidenta da ANPA do CEIP Vilar de Barrio, no que denuncian a falta de profesores | Fonte: remitida

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta