Carmela Silva acusa á Xunta de vender proxectos "nos que non pon nin un só euro"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2022 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, afirmou este venres que "a Xunta de Galicia mente" atribuírse como súas axudas procedentes do Goberno central.

"É terrible que o presidente da Xunta minta" dixo en alusión ao titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, ao que lle reprocha "deslealdade institucional" e que trate de "enganar á cidadanía" con anuncios nos que publicita, por exemplo, que a administración autonómica vai financiar dous proxectos de turismo, un na cidade de Pontevedra e outro no Condado-Paradanta, cando "non é certo, non pon nin un euro".

Segundo explicou a presidenta provincial, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España transferiuse un diñeiro á Xunta que será a que asine os convenios de colaboración coas administracións adxudicatarias para impulsar estes plans de sustentabilidade turística, "así que non financian nada". Ademais dos xa citados de Pontevedra e O Condado Paradanta, tamén hai fondos estatais para Sanxenxo, Ribeira, Marín, A Coruña, Baiona, entre outros municipios.

Carmela Silva tamén criticou que a Xunta de Galicia chegou a informar da "reserva" para este ano dun orzamento global de 2,5 millóns de euros destinados ao colectivo novo para axudar na compra da primeira vivenda, aínda que se trata dunha iniciativa do Goberno central a través do Plan Estatal de Vivenda 2022-2025, mentres que a administración autonómica pon "cero euros". E engadiu o "descaro" de anunciar o "50% de desconto en autobuses da Xunta" cando, tal e como lembrou Carmela Silva, "o 30% deste desconto é do Goberno do Estado".

"Paréceme intolerable", afirmou a mandataria socialista en relación a este "escándalo", que tamén relaciona coa xestión "ineficaz e ineficiente" que fai a Xunta destes fondos nos que prioriza os convenios con concellos gobernados polo Partido Popular fronte ao resto. "Non queren que cheguen os fondos Next Generation á xente, é terrible", engadiu.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa | Fonte: Rafa Estévez - EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta