Atopan a superficie completa dun hórreo romano no xacemento de Proendos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2022 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia no xacemento arqueolóxico de Proendos, en Sober permitiron achar a superficie completa dun hórreo romano. Trátase, segundo explican nun comunicado, dunha estrutura "única no noroeste da Península Ibérica pola disposición dos seus muros paralelos".

O propio conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, comprobouno nunha visita ao xacemento, onde explicou que esta intervención "dá continuidade aos proxectos impulsados polo Goberno galego nos últimos anos para profundar nos valores culturais deste xacemento", cun investimento autonómico por encima dos 83.000 euros.

"O esforzo que estamos a facer para investigar neste xacemento ten recompensa e hoxe podemos coñecer con maior exactitude a importancia que xa tiña Sober na época romana", destacou.

Para Rodríguez, os resultados desta escavación axudan a "comprender como vivían as antigas civilizacións e cal foi a incidencia da súa pegada na realidade de hoxe". "Os descubrimentos en Proendos sitúan este xacemento como un lugar fundamental para comprender a chegada do imperio romano ao nordés peninsular e a articulación da paisaxe agrícola da Ribeira Sacra", insistiu.

RECUPERACIÓN DO PATRIMONIO

Lembran no comunicado que este proxecto permitiu identificar o tamaño completo do hórreo romano localizado na última campaña, unha estrutura de máis de cinco metros de ancho e sete de longo que ocupa unha área de 44,5 metros cadrados.

Tamén se identificou unha posible plataforma de acceso ao mesmo e un conxunto de laxas que bloquean as zonas de ventilación e que, segundo apunta a empresa encargada da escavación, podería indicar o seu uso en diferentes momentos, posteriores ao século I.

Foron localizados ademais catro muros de estruturas indeterminadas e que continúan máis aló dos límites da escavación.

Estruturas do hórreo romano atopado no xacemento de Proendos, en Sober
Estruturas do hórreo romano atopado no xacemento de Proendos, en Sober | Fonte: xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta