Absoltos dous policías da Pobra do Caramiñal acusados de golpear un músico na rúa

Os feitos ocorreron en marzo de 2014 durante a detención do músico e da súa irmá.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/10/2022 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, absolveu dous axentes da Policía Local da Pobra do Caramiñal acusados de delitos de detención ilegal, falsidade en documento oficial e lesións por uns feitos sucedidos en marzo de 2014 durante a detención dun músico que tocaba na rúa e da súa irmá, quen foron absoltos de delitos de atentado e, no caso do denunciante, tamén de lesións.

Axentes da Policía Local.
Axentes da Policía Local.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), os maxistrados entenden que "non existe base para estimar cometidas as infraccións de detención ilegal ou de falsidade en documento oficial (ou de denuncia falsa, na cualificación subsidiaria introducida pola acusación pública) imputadas aos axentes", pois indica que, para iso, "sería preciso demostrar a radical falsidade do plasmado na dilixencia de exposición de feitos".

Do xuízo resulta, segundo os maxistrados, "que non se poden reputar demostrados" os feitos delituosos que, segundo tal documento, levarían a cabo o músico detido ou a súa irmá, aínda que subliñan que "tampouco consta demostrado que outros feitos foron os realmente acaecidos".

O mesmo criterio é aplicable, segundo a Audiencia, á imputación de detención ilegal, "xa sexa a directamente practicada polos axentes ou a que sería froito da indución xerada por tal dilixencia".

Na sentenza, a Sala recalca que non se probou que un dos axentes cruzase a súa defensa regulamentaria sobre a zona do pescozo do denunciante e apertase para deixalo sen respiración. O tribunal asegura na resolución que durante uns minutos "produciuse un altercado violento entre os dous axentes e o músico, cuxas circunstancias non quedaron precisadas".

Así, incide en que non está suficientemente probado "se era o denunciante quen acometía aos axentes, quen se defendían facendo uso das defensas, ou se eran aqueles quen golpeaban o músico, quen se limitaba a protexerse ou eludir os golpes". Os maxistrados sinalan que durante o altercado "consta que ambos os axentes fixeron uso das súas respectivas defensas contra o denunciante, quen recibiu polo menos tres golpes con tal instrumento na cabeza".

Ademais, afirman no fallo, contra o que cabe presentar recurso de apelación, que tamén se probou que a irmá do músico "interveu para axudar o seu irmán" nun "incidente que non quedou precisado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta