O PSdeG propón renegociar os orzamentos e Rueda rexéitao: "Para pactos de última hora, A Moncloa"

O presidente promete "a máxima potencia" posible para a área social nas próximas contas galegas, pero avisa de que deben ser "sustentables".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2022 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, propuxo este mércores ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "paralizar" a presentación dos orzamentos galegos para 2023 para "reorientalos", un plan que rexeitou de plano o mandatario autonómico, quen replicou aos socialistas que o seu Goberno se mantén lonxe de "pactos nocturnos" e non "improvisa" as contas.

"Este Goberno é serio e aprobamos os orzamentos todos os anos en tempo e forma, e isto permite facer políticas públicas, tamén de axudas sociais. Non improvisamos. Para improvisacións e pactos de última hora para poder manterse na Moncloa, xa están vostedes", afeou Rueda, en referencia ao acordo para os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) selado polo PSOE e Podemos.

E se Álvarez pediu unha reorientación social tras denunciar a "falta de políticas para as persoas" do Executivo autonómico, Rueda respondeu cunha reivindicación do incremento do gasto na área social co PPdeG á fronte da Xunta. Como exemplo, aludiu aos 930 millóns para esta área en 2022, "o dobre" do que destinaba, dixo, o anterior Goberno bipartito.

En fronte, o portavoz socialista contrapuxo o incremento do custo dos servizos e a falta de "converxencia" con outras comunidades, e lamentou que RUEda non aproveitase a súa comparecencia no Pazo do Hórreo a pasada semana para concretar medidas "para mellorar a vida das persoas". "Nada do que di tranquiliza as persoas con dificultades", queixouse.

Previamente, referiuse aos datos recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE), segundo os que "a metade dos galegos teñen dificultades para chegar a fin de mes", unha "traxedia" --lamentou-- ante a que o Executivo galego permanece "impasible" e "centrado na descualificación do adversario".

Entre outras cuestións, denunciou o "fracaso estrepitoso" das políticas de vivenda autonómicas e o desprazamento dos maiores de 80 anos aos grandes centros de vacinación para recibir a cuarta dose fronte á covid-19. "Un matrimonio de Negueira de Muñiz ten que gastar máis de 200 euros en taxi para vacinarse", reprobou, antes de instar a Rueda a sentar para "reorientar" os orzamentos.

"Paralice a presentación dos orzamentos, que non responden as necesidades dos galegos e colaboremos para reorientalos", proclamou o socialista, quen garantiu que os deputados do seu grupo están dispostos a acudir ao Pazo do Hórreo "todos os días de novembro e decembro" para pechar unhas novas contas autonómicas para 2023.

"MÁXIMA POTENCIA QUE SE POIDA" EN CLAVE SOCIAL

Rueda discrepou da interpretación dos socialistas acerca das medidas que anunciou na pasada comparecencia, onde avanzou que o IRPF, ademais de baixar do 9,4% ao 9% no tramo autonómico como avanzou no seu discurso de investidura, terá unha nova rebaixa en rendas de ata 35.000 euros para paliar a inflación, con efectos desde o 1 de xaneiro de 2022.

E á marxe de reafirmarse nesta senda fiscal "propia", sen avanzar máis cifras, avanzou que o compromiso "social" da Xunta tamén se visualizará nos orzamentos para 2023, que dedicarán "a máxima potencia que se poida" aos servizos sociais. "Son fundamentais", recoñeceu, e esgrimiu que a Xunta é "consciente" das dificultades da cidadanía.

En todo caso, remarcou os avances nesta área nos últimos anos e aludiu ao Índice DEC de desenvolvemento de servizos sociais, que sitúa a Galicia no sexto posto do ranking. Rueda afirmou que, ao seu modo de ver, e aínda que o Executivo non se "conforma" e ve preciso "seguir mellorando", non é un mal posto para un total de 17 autonomías.

Dito isto, tras reafirmar que se verá o compromiso social dentro das capacidades que permitan unhas contas cun teito de gasto marca (12.600 millóns), advertiu que deben ser "sustentables" e volveu cargar contra o pacto "de última hora" no Goberno central.

"SENTIDIÑO, ESTABILIDADE E CONTINUIDADE"

"Teñen que ser sustentables e non para sosterse un tempo máis no Goberno", insistiu, para concluír que en Galicia non se traballa con "improvisacións". En Galicia, defendeu que a receita é "sentidiño, estabilidade e continuidade", xa que o Goberno que dirixe non ten "urxencias" para manterse no poder coa axuda de socios que un día apoian e "outro te deixan tirado". "Probablemente ese é o motivo polo que en Galicia o PP leva 14 anos no Goberno e vostedes na oposición", resolveu o presidente galego.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento de Galicia.. DAVID CABEZÓN/XUNTA / Europa Press
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento de Galicia.. DAVID CABEZÓN/XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta