"O rural está moi desatendido na saúde mental; é urxente intervir para diminuír o illamento"

Dende a asociación Alume Saúde Mental piden mellorar os accesos e achegar os servizos ás zonas rurais para que as persoas con enfermidades mentais non vexan agravadas as súas patoloxías.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Illamento xeográfico e social, estigma e falta de acceso a servizos básicos crean un cóctel nada favorable para a saúde mental - e para a saúde en xeral - das persoas que habitan o rural, sobre todo aquelas que teñen enfermidades desta índole. Con motivo do Día Mundial da Saúde Mental este 10 de outubro, Galicia Confidencial conversa con Ana Regueira, directora de Alume e psicóloga clínica, que debulla a realidade das persoas con problemas de saúde mental no rural e demanda unha maior atención para elas e "achegar os recursos" ás zonas máis illadas. 

Dous homes camiñan entre a néboa na aldea do Cebreiro, Concello de Pedrafita do Cebreiro. Carlos Castro - Europa Press
Dous homes camiñan entre a néboa na aldea do Cebreiro, Concello de Pedrafita do Cebreiro. Carlos Castro - Europa Press

En Alume Saúde Mental tedes un programa para achegar os servizos de atención á saúde mental en zonas con especiais dificultades de acceso. Como é o voso traballo? 

Este é un programa en funcionamento dende hai seis anos que xorde dunha preocupación: a raíz da crise do 2008 houbo un recorte moi importante nos desprazamentos do 065 e unha modificación nas liñas de transporte que afectou a toda a poboación do rural, pero sobre todo a aquela que tiña especiais dificultades para facer uso destes medios. Nós atendemos persoas que chegan derivadas dos recursos da rede pública aos centros de rehabilitación psicosocial e laboral en Lugo e Guitiriz, pero constábanos que existían outras moitas persoas que, tendo necesidades, non podían acceder ao servizo. Non só poboación do rural, senón tamén persoas que están ingresadas en centros penitenciarios, persoas que viven na rúa, en situacións de marxinalidade... 

Nestes casos, acudimos nós a elas; e en concreto, a través do programa de medio rural, o que facemos é completar a asistencia que reciben por parte do Equipo de Tratamento Asertivo Comunitario (ETAC), que non ten persoal suficiente para atender todas as persoas. Nós servimos de enlace entre a persoa e o resto de recursos para solventar necesidades. 

E cales son as necesidades que máis se repiten nestas persoas con problemas de saúde mental?

Son moitísimas. Moitas persoas non se relacionan con ninguén, teñen unha vivenda en condicións infrahumanas porque non compran leña para encender a cociña, non limpan, non se alimentan como deben porque non son capaces... Non toman a medicación porque non teñen apoio. Nós desprazámonos mínimo unha vez á semana e facemos de todo: dende revisar as pastillas, ata acompañalo ao pobo a facer a compra. Unha porcentaxe importante destas persoas están tuteladas pola FUNGA (Fundación para a Tutela de Persoas Adultas), que tampouco ten cobertura suficiente para atender as necesidades de cada persoa, porque o número de tutelados é descomunal, de miles de persoas, e tan só contan cun par de traballadoras sociais por provincia, que desenvolven un traballo meritorio. 

Que diferenzas hai entre sufrir unha enfermidade mental no medio rural e no medio urbano?

Enormes, sobre todo polo illamento. Cando unha persoa vive na zona urbana, só con saír pola porta do piso xa ve xente, ten ocasión de interaccionar con ela e desenvolve habilidades sociais. En moitas zonas do rural, aínda que queiras, non podes, polo illamento xeográfico e escaseza de recursos. Moita xente pasa o día metida detrás da cociña ou na cama, e iso se tes saúde mental. Se non a tes, nin iso, porque a cociña non quenta, ou comen tan só empanada que lles trae o panadeiro cando vén... Todo isto repercute na saúde física e mental.

"Nas zonas rurais, as persoas con enfermidades mentais están moi marcadas pola súa conduta; pero cómpre entender que cando toman a medicación e teñen constancia no seguimento poden facer unha vida normalizada"

Fálame, en concreto, dese illamento. Como o viven as persoas no seu día a día e como intervides vós para minimizalo?

En moitos casos viven illadas non só xeograficamente senón tamén da súa veciñanza. Nas zonas rurais, as persoas con enfermidades mentais están moi marcadas pola súa conduta, e o que ven os veciños nelas é que son persoas raras; pero cómpre entender que cando toman a medicación e teñen constancia no seguimento poden facer unha vida normalizada. Por iso nós o que facemos é acompañalos a actos sociais: ir á feira, baixar á farmacia, levalos á cafetería se a hai..., para que a xente vexa que se comportan de maneira normal e empecen a falar. 

Facemos infinitas cousas, e todo isto é saúde mental. Temos como obxectivo que non haxa descompensacións nin teñan que sufrir ingresos, e nese sentido estamos moi satisfeitos porque se consegue. Ao ano comezan a ter unha relación máis normalizada coa veciñanza e son capaces de crear a súa propia forma de convivir na zona. Somos vehículo integrador na súa contorna, e traballamos en rede con todos os axentes sociais e médicos da zona. 

O estigma sobre as enfermidades mentais é maior nestas zonas?

Ten as dúas vertentes: o estigma é maior porque se coñece moito máis da vida da persoa, pero tamén a solidariedade é maior na aldea. Cando ven que a persoa mellora e se pode ter un contacto normal con ela, a veciñanza responde ben e empeza a ofrecer axuda. Antes, o illamento é moi grande porque existe descoñece e temor polo que esa persoa pode facer, pero claro, hai unha segunda parte: con medicación pode levarse vida normalizada. 

Cantas persoas atendedes e en que zonas en concreto?

Once persoas, oito homes e tres mulleres. Imos á zona da montaña lucense, Piornedo, Becerreá, Láncara, Sarria e Terra Chá. Pero hai moitísimas necesidades non cubertas, nós tan só atendemos as máis acuciantes; precisariamos varios equipos funcionando ao mesmo tempo, pero non dispoñemos de medios para abordalo. Este é un programa que se financia a través do IRPF e con apoio da Deputación de Lugo. Iso, este ano. Non temos garantía de que poida continuar o ano que vén, e esa é a gran dificultade: a estabilidade en canto a recursos para poder soster o programa e medrar está no aire.

"Non temos garantía de que poida continuar o ano que vén, e esa é a gran dificultade: a estabilidade en canto a recursos para poder soster o programa e medrar está no aire"

Como valoras a atención á saúde mental que reciben, en xeral, as persoas do rural?

O rural está moi desatendido na saúde mental e na saúde en xeral. Ti pensa en ti soa vivindo nunha casa na que non tes veciños en quilómetros á redonda, non tes coche para desprazarte e, quizais, non sabes manexar o teléfono para chamar un taxi. Como acoden estas persoas ao podólogo? Que posibilidades teñen de ir ao dentista? A saúde, en xeral, non recibe atención no rural.

Cales son as maiores dificultades que vos atopades no voso traballo?

Á parte das dificultades de acceso cando está o inverno na etapa máis crúa e as estradas se enchen de neve, é difícil a nosa integración na vida destas persoas. Leva tempo que nos acepten e confíen en nós para xerar esa alianza terapéutica. Ás veces teñen delirios que non remiten completamente coa medicación... Aceptar persoas que non coñecen na súa vivenda custa. Pero unha vez que se consegue, os avances son especialmente gratificantes.

"Todo o que sexa diminuir o illamento é unha intervención de urxencia"

Galicia é unha das autonomías con maiores taxas de suicidio, e moitos deles prodúcense nas contornas rurais. Todo isto que vimos falando está detrás desta realidade?

O suicidio ten múltiples causas. Vivir só e illado é, por suposto, un factor de risco, ademais da situación socioeconómica, as enfermidades, a personalidade, a falta de saúde física... O rural precisa da atención que non ten tanto na saúde física como mental. Ter unhas condicións materiais de vida dignas é fundamental nas zona rurais. 

Que mudanzas de calado deben producirse no rural para mellorar a saúde da súa xente?

Habería que achegar os servizos a estas zonas e a estas persoas, e mellorar os accesos físicos e a Internet. Isto implica facer unha dotación orzamentaria que é moi necesaria. Todo o que sexa diminuir o illamento é unha intervención de urxencia. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta