Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 07/10/2022
Non teño demasiado claro cal é o beneficio real, para a sociedade en conxunto e para os individuos en particular, das chamadas "redes sociais". É evidente que, como ferramentas en determinados eidos, teñen moitas posibilidades, e que o simple feito da súa existencia ten transformado moitos aspectos da nosa sociedade, que xa é distinta. Pero... que aportan nunha utilización máis xeral e indiscriminada? Penso que pouco máis que moito fume, concretado nunha morea de contidos para pasar o tempo, que cada vez converten á sociedade en máis pasiva e menos crítica. A verdade é que non teño claros os avances reais en todo isto.
Fago esta reflexión cando parece que, finalmente, o home máis rico do planeta mercará Twitter por corenta e catro mil millóns de euros. E o fai como un dos primeiros pasos da creación da Rede X, a súa aposta persoal no eido da virtualidade, que Musk aspira chegue a ser "a rede social para todo". Parece que mete medo tal afirmación, polo seu carácter un tanto distópico... Pero non é raro isto. Un camiño parecido foi percorrido antes polos responsables de Facebook, que son os mesmos xa que os de Instagram e Whatsapp, e que pretenden que Meta -a matriz de todas elas- sexa o lugar onde vivamos virtualmente e todo aconteza. Pero mirando ao mar eu me pregunto, aparte de neses determinados eidos puntuais nos que a realidade virtual ou a realidade aumentada son realmente interesantes pola súa potencialidade, se precisamos verdadeiramente tal existencia virtual. Eu coido que non.
Porque, miren, o avance tecnolóxico é enorme, e seguro que poderá avanzar moito máis nos próximos anos. Tanto, como para que, nun futuro, poidamos chegar a ver unha laranxa tridimensional diante de nós sen estar ela fisicamente aí. Para que poidamos ulila ou, incluso, para chegar a ter a sensación de que estamos a degustala. Moi ben, e seguro que todo iso ten aplicacións prácticas que poden ser ben interesantes nalgúns casos concretos, como estou a repetir desde o principio deste texto. Pero... para que precisamos, en xeral, ser quen de comer a laranxa virtualmente, cando temos á nosa disposición laranxas reais, que podemos levar á boca con moita menos lerias.
O mesmo me pasa coa paisaxe, co feito de estar en algures. Onte, paseando polo belo paraxe da Frouxeira, pensaba niso. Aquilo, á tardiña, estaba deserto. Ninguén gozando da posta de sol, do ceo e do mar. E, mentres, seguro que moitas persoas dábanlle ao rato visitando ese e moitos outros lugares co ordenador, alleos á maxia do cósmico e do telúrico, refuxiados, agochados e apartados da verdadeira realidade.
Non teño dúbida de que a tecnoloxía está a bater as súas propias previsións, e que o espazo virtual vai chegar a extremos nunca xamais pensados antes. Pero... para que? Coleccionamos amizade no Facebook, cando o verdadeiro compromiso entre as persoas, relevante e duradeiro no tempo, está baixo mínimos. Coñezo xa a moitas persoas que teñen verdadeiros problemas para atender unha simple chamada de teléfono, e a individualidade e o illamento van a moito máis. Eso si, as vacacións de moitos, o que comen cada día ou as súas cousas de parella son publicadas acotío por eles mesmos, aínda non sei exactamente con que fin. Que aporta isto, moito máis aló dunha “realidade” ficticia e construída de forma nesgada?
A cantidade de rapazas e rapaces que pasan horas e horas dándolle co dedo ao Instagram é preocupante. E... Que ven? Pois, sobre todo, a outros rapaces e rapazas, sen camiseta ou con roupa proporcionada polas marcas, movendo a boca facendo que cantan mentres soa música de fondo, exhibindo preciosos sorrisos filtrados e abondando en tópicos e lugares comúns. E miles de pequenos "gags" que, con frecuencia, nin son orixinais nin propoñen algo novo, e que están lonxe de compartir a propia cosmovisión, ideoloxía ou proposta á sociedade. Centos de horas que solo buscan tráfico, como forma de atraer aos anunciantes e... perder o tempo todos. É ese o mundo que queremos? Unha sociedade cada vez máis durmida e pasiva...
Penso que, fronte á virtualidade, hai que apostar pola baixada á terra de novo. Que hai que poñer os pés nela, entendendo que este mundo físico do que gozamos é moi superior a todo o que nos poidamos imaxinar, e que xa existen a beleza e a harmonía, e que non hai que buscalas na mentira das redes. E que, ademais, estas non son nin gratis nin filantrópicas e que responden a intereses ben concretos dos que nadan en cartos a partir dun negocio no que o produto somos nós. As redes non son gratis, e todo o que nos parece de balde é porque, moitas veces sen ser conscientes diso, é fornecido por nós. Nós dotamos á rede dos contidos que devoramos, e que son solo fume que sirve de base a un negocio descomunal. Aí estamos.
Por outra parte, as implicacións psicolóxicas negativas do illamento persoal e da virtualidade nas relacións están ben descritas polos especialistas, e van a máis. Que sociedade estamos preparando para o futuro?, se é que a palabra sociedade ten aínda algún viso de realidade... Estragámola primeiro na dimensión máis colectiva e agora, co auxe das redes sociais, imos debilitar as relacións entre persoas. E iso que aínda está nacendo o Metaverso e que a rede X é un incipiente proxecto, non sei se no caletre do seu promotor ou xa máis avanzado. Entón... como será a nosa cada vez máis ignorante sociedade hipercomunicada cando todos estes trebellos sexan xa unha realidade? Pois non sei pero, a min, preocúpanme bastante. Non polas ferramentas en si, senón pensando en como pode seguir mudando a sociedade cara á distopía cando o seu uso sexa máis xeral e imparable.
As redes sociais teñen, para min, moito de rede e moito menos de sociais. Porque atrapan e desconectan. E porque nós somos moito más que virtualidade, e precisamos relacións reais con persoas de verdade...
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”