O PP confía en que "Santiago será azul" na noite electoral das municipais

Paula Prado destaca o traballo de Borja Verea como candidato.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/10/2022 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, destacou o traballo do presidente do partido en Santiago e candidato á Alcaldía da cidade, Borja Verea, e vaticinou que, "se segue así, o próximo 28 de maio Santiago será azul".

Borja Verea
Borja Verea | Fonte: PP de Santiago de Compostela.

A 'número dous' dos populares galegos rexeitou definir cal ten que ser "a estratexia electoral" do PP de Santiago, pero si avalou as propostas "serias" de Verea para "activar a economía na cidade, o emprego, a incorporación da xente nova a postos de traballo e o comercio".

De feito, Prado, "como secretaria xeral do PPdeG pero tamén como santiaguesa", dixo que o goberno do socialista Xosé Sánchez Bugallo está "dividido" e "nervioso". Ademais, considera que a capital galega sofre "unha parálise absoluta" tanto co actual mandato como co anterior, no que gobernaron as "mareas de Podemos" --en referencia a Compostela Aberta, co exalcalde Martiño Noriega á fronte--.

"Non hai investimentos importantes, pero nin sequera vemos unha cidade limpa e ordenada nin as cousas máis básicas do día a día, como arranxar unha varanda ou unha fochanca", explicou, para incidir en que "a xente está cansa".

Dito isto, destacou que nos actos aos que vai e que organiza o PP local ve "ilusión", "ganas" e que "máis xente se sobe ao tren do proxecto de Borja Verea". "O 28 de maio teremos unha enorme alegría", augurou Prado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta