Convocan unha mobilización en Ferrol en defensa dun "transporte público digno"

É unha acción da 'Plataforma Transporte Público Digno Ferrol e Comarca'.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 07/10/2022 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

A 'Plataforma Transporte Público Digno Ferrol e Comarca' iniciou na mañá deste venres unha repartición de adhesivos e carteis para demandar melloras no transporte público, sobre todo por estrada coa cidade da Coruña, e convocou unha mobilización o póximo día 29 para "demandar melloras neste servizo público e recuperar a oferta da anterior concesionaria do transporte interurbano, ampliando frecuencias nas horas de maior demanda, para garantir que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades de acceder ao transporte público".

A Plataforma Transporte Público Digno Ferrol e Comarca
A Plataforma Transporte Público Digno Ferrol e Comarca | Fonte: Europa Press.

Así o trasladou Bea Garabana, integrante desta plataforma, durante unha concentraron ante o edificio administrativo da Xunta en Ferrol, na praza de España.

Garabana tamén reclamou "a implicación dos concellos" polos que transitan estas liñas, "para esixir á Administración central e autonómica que poñan fin á continua discriminación" que sofre esta zona, "dotando a comarca do tren de proximidade acorde cos tempos, coa consecuente modificación do trazado ferroviario á primeira, e modificando a concesión do transporte por estrada".

Outra das integrantes desta plataforma, Mercedes Alonso, representante de Teima Down, asegurou que "é inadmisible que a cidadanía siga padecendo a "falta de seriedade" da actual compañía adxudicataria, xa que "tanto a empresa como a Xunta reciben reclamacións diariamente que finalizan nun caixón, sen que se lle preste atención".

Por outra banda, detallou que "é inadmisible que as persoas universitarias que se desprazan ata A Coruña ou a Ferrol, teñan que alugar unha vivenda por non dispor dun servizo de transporte que se axuste aos seus horarios para percorrer os pouco máis de 50 quilómetros que separan estas dúas cidades".

Tamén criticou que "a cidadanía que vai ao seu posto de traballo, non poida ter a certeza de que vai chegar para a súa hora de entrada, o mesmo que as persoas maiores, preocupadas e desorientadas porque non saben onde vai parar o autobús ou que non saiban se van chegar á cita médica, ou non saiban onde mirar os horarios de volta".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta