Galicia aumenta un 20% as axudas a familias que acollen a menores "por ese esforzo que fan"

Actualmente, as achegas van dos 280 aos 600 euros ao mes

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2022 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este sábado o primeiro plan galego de acollemento familiar, que estará dotado cun millón de euros máis do que actualmente se destina a este fin, pasando de 3,7 a 4,7 millóns. Neste sentido, tamén avanzou, e así o recollerán os prespuestos galegos do ano 2023, un aumento do 20 por cento na achega que se lle dá ás familias para contribuír aos gastos que se xeran.

"Estou absolutamente seguro de que ningunha familia acolle a un menor pola cantidade que lle dá a Xunta de Galicia, que nunca vai ser suficiente, pero tamén cremos que dada a inflación que estamos a ver, o xusto e o necesario é aumentar esas partidas e, polo menos, contribuír a axudar a esas familias por ese esforzo que fan", remarcou. Actualmente, as axudas van dos 280 aos 600 euros ao mes, dependendo das características e situación.

Precisamente, Rueda participou este sábado na asemblea xeral da Asociación Estatal de Acollemento Familiar (Aseaf), da que forman parte as entidades galegas Acougo e Manaia. Estas entidades reclaman cumprir a lexislación vixente (lei 26/2015), que pasa polo impulso do acollemento familiar e a desinstitucionalización dos menores de idade.

Neste sentido, apelaron ás comunidades autónomas a "solicitar e executar" os fondos europeos destinados a apoiar o acollemento familiar "para transformar o sistema de protección á infancia" e recalcan que é preciso realizar esta solicitude dos fondos para poder obtelos por parte de cada administración autonómica.

Segundo os últimos datos dispoñibles da asociación, a 31 de decembro de 2020 en Galicia había 890 nenos, nenas e adolescentes en centros de menores, 105 deles menores de seis anos. Mentres, en acollemento familiar estaban 1.083 menores, só 190 deles en familia allea, xa que a inmensa maioría (893) crecen en familia extensa (avós, tíos etc..) sen recibir a mesma prestación económica e sen acceso, a maioría delas, a un apoio profesionalizado.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anuncia que Galicia subirá un 20% a axuda a familias acolledoras como resposta á petición de desinstitucionalizar aos menores
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anuncia que Galicia subirá un 20% a axuda a familias acolledoras como resposta á petición de desinstitucionalizar aos menores | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta