A partir do luns xa podes delatar de forma anónima presuntos incumprimentos normativos en transportes

A Xunta activa unha canle anónima para a comunicación de presuntos incumprimentos normativos en materia de transportes de competencia autonómica.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2022 | Actualizada ás 21:18

Comparte esta noticia

A Xunta activa o luns unha canle anónima para a comunicación de presuntos incumprimentos normativos en materia de transportes de competencia autonómica. Desta maneira, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade implantará no seu portal web unha canle para que os cidadáns poidan pór en coñecemento da Inspección de Transporte posibles incumprimentos normativos no transporte de viaxeiros e tamén de mercadorías. Concretamente, será a través do seguinte (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal)

O cidadán, de maneira anónima, pode efectuar a comunicación dos feitos que entenda que poden constituír un incumprimento da normativa de transporte sen necesidade de consignar ningún dato identificativo.

Se así o desexa, o usuario poderá incorporar un correo electrónico que permita que a Administración poida requirir información adicional en relación aos feitos denunciados para a súa investigación.

O formulario electrónico prevé unha serie de campos para identificar o obxecto e suxeito ao que se atribúe a irregularidade comunicada e a súa data de comisión, coutada temporalmente con base aos prazos de prescrición das infraccións.

Tamén se prevé unha nomenclatura que codifica os ámbitos nos que poden encadrarse os feitos relatados: carencia de autorización, carencia de CAP, tempos de condución e descanso, incumprimentos de tacógrafo, exceso de peso, transporte regular de viaxeiros, transporte escolar, taxis ou estacións de autobuses, entre outras opcións.

Adicionalmente, recóllese un campo de texto de ata 6.000 caracteres e a posibilidade de reunir documentación complementaria nun amplo abanico de formatos. Coa posta en marcha desta iniciativa, a Xunta destaca que "continúa traballando para reforzar a comunicación eficiente cos cidadáns e a transparencia" co fin de mellorar, neste caso, os servizos de transporte prestados na comunidade.

Un home entrega un papel a un transportista durante unha folga indefinida do transporte de mercadorías, no Polígono do Ceao, a 14 de marzo de 2022
Un home entrega un papel a un transportista durante unha folga indefinida do transporte de mercadorías, no Polígono do Ceao, a 14 de marzo de 2022 | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta