Denuncian a "acumulación" de pacientes nunha sala de urxencias do CHUS "sen garantir a súa intimidade"

Neste espazo poden chegar a pasar horas ou mesmo días agardando por un ingreso, denuncia a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2022 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS vén de emitir un comunicado no que denuncia as queixas recibidas polas "condicións materiais" en que se atopa a sala de observación do servizo de Urxencias do CHUS, onde existen "graves limitacións para preservar a intimidade e dignidade dos pacientes". 

Sala de observación do servizo de Urxencias do CHUS
Sala de observación do servizo de Urxencias do CHUS | Fonte: REMITIDA

"En ditas dependencias, os enfermos que permanecen en observación ou en espera de ingreso, o que pode supoñer unha estancia de horas ou días, son situados nunha sala

ampla, preparada para que poidan entrar o maior número de postos, pero non pensada para que poida resultar minimamente cómoda para a persoa doente ou para o único acompañante que teña", explica a asociación.

Os postos, prosegue, dispóñense en batería, con tan pouco espazo entre eles que cabe con dificultade un asento (cadeira de madeira) para a persoa acompañante, que pode ter que pasar máis dunha noite nesas condicións. Entre as camas que están en paralelo, a separación consiste nun biombo de metacrilato que non chega a 1,5 m de altura. "Son biombos pouco consistentes que se desprazan involuntariamente simplemente ao rodear a cama para permitir que o persoal atenda á persoa enferma; ao desprazalo estamos invadindo sen querer o mínimo espazo da persoa do lado", explican.

As condicións do lugar e a "acumulación" de persoas doentes no espazo fai que "calquera poida coñecer o relativo a todas as demais persoas e que os doentes teñan que expoñer a súa intimidade ou realizar as súas funcións fisiolóxicas á vista de todo o mundo", de maneira que "a intimidade é totalmente imposible e a vulneración do dereito á intimidade, a práctica constante", denuncia o colectivo.

Dende a asociación sentenzan que o "aforro en medios e persoal non se pode facer a custa de negar para os doentes unhas mínimas condicións de dignidade na atención". A situación descrita cobra unha "maior gravidade", engaden, "se temos en conta que a xerencia do CHUS permite que a sala de observación sexa empregada como un almacén de pacientes co ingreso en planta asinado e con estancias superiores a 24 horas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta