Máis da metade dos Premios de Excelencia Académica do curso 2020/21 corresponden a mulleres

O obxectivo destes galardóns, explica a Xunta, é recoñecer o traballo das persoas que obtivesen as mellores notas en cada un dos cursos de grao oficial no Sistema Universitario de Galicia (SUG) excepto no último ano, xa que neste concédense os Premios de Fin de Carreira.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2022 | Actualizada ás 16:34

Comparte esta noticia

Un total de 434 estudantes universitarios galegos recibirán os Premios de Excelencia Académica correspondentes ao curso 2020/21, que son 24 máis que na convocatoria anterior. De todos eles, a gran maioría, o 63,5%, son mulleres e o 36,5% restante, son homes.

Segundo a resolución que publicou este luns a Xunta no Diario Oficial de Galicia (DOG), hai 172 galardoados na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 139 na de Vigo (UVigo) e 123 na da Coruña (UDC). Por rama de coñecemento, o 43% son estudantes de Ciencias Sociais, o 17% de Enxeñaría e Arquitectura, o 14% de Ciencias da Saúde, o 14% de Artes e Humanidades e o 12% de Ciencias.

No tres universidades públicas galegas a nota máxima conseguida foi un 10. Na USC, esta cualificación rexistrouse no grao en Filosofía (Santiago); na UVigo, nas titulacións de Educación primaria (Campus de Pontevedra e Campus de Ourense) e de Ciencias da Actividade Física e do Deporte (Pontevedra); mentres que na UDC foi no grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios (A Coruña).

Cada un dos premiados recibirá un diploma acreditativo e 1.000 euros, cunha contía adicional de 500 euros para os 188 estudantes con mellores expedientes. En total, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 528.000 euros a esta convocatoria, 10.000 máis que na anterior.

O obxectivo destes galardóns, explica a Xunta, é recoñecer o traballo das persoas que obtivesen as mellores notas en cada un dos cursos de grao oficial no Sistema Universitario de Galicia (SUG) excepto no último ano, xa que neste concédense os Premios de Fin de Carreira.

Estudantes realizan un dos exames da convocatoria extraordinaria da Avaliación para o Acceso á Universidade (EvAU), a 5 de xullo de 2022
Estudantes realizan un dos exames da convocatoria extraordinaria da Avaliación para o Acceso á Universidade (EvAU), a 5 de xullo de 2022 | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta