O novo emisario submarino da depuradora dos Praceres comezará a funcionar na ría de Pontevedra en xaneiro

Por E.P. | Pontevedra | 14/10/2022 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

As conselleiras de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e de Mar, Rosa Quintana, visitaron este venres as tarefas de fondeo do tramo mariño do emisario submarino dos Praceres na ría de Pontevedra, unha obra que xa está executada ao 90% e que entrará en funcionamento en xaneiro de 2023.

EDAR de Praceres, depuradora de auga no fondo da Ría de Pontevedra
EDAR de Praceres, depuradora de auga no fondo da Ría de Pontevedra | Fonte: iagua.es

Este venres completouse a instalación do sétimo dos nove tramos de tubaxe que conforman este emisario. Cada unha destas partes ten unha lonxitude media duns 350 metros, o que supón unha dimensión total de máis de 3,6 quilómetros, "o máis longo de toda Galicia", destacou Ethel Vázquez.

O xefe do departamento de obras de Augas de Galicia, David Hernáez, actuou como guía ao longo desta visita, explicando todo o proceso de construción desta infraestrutura e o punto no que se atopa a execución da obra. A previsión, dixo é que "en dúas semanas" todo o emisario estea "situado no seu sitio".

Ethel Vázquez indicou que os traballos desta infraestrutura están a desenvolverse sen afectar a actividade produtiva, adoptando medidas para minimizar o impacto na súa actividade e sinalizando con aboias a situación do trazado.

Vázquez subliñou que, en cuestión de poucos meses, estará culminada un investimento de case 30 millóns de euros na mellora do saneamento da ría de Pontevedra, coa mellora da depuradora dos Praceres, xa en servizo desde xullo, e co novo emisario submarino.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta