Un libro debulla a "árbore da discordia", o eucalipto, para "desmontar mitos" e ofrecer un enfoque actualizado

Trátase de 'Eucaliptos en España. Razones y pasiones', do profesor emérito da USC Francisco Díaz-Fierros Viqueira.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2022 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

"Logo de máis de 70 anos de estudos e investigacións aínda existen moitos puntos de desacordo sobre esta árbore". Así explica o profesor emérito da USC, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, a necesidade dunha obra como 'Eucaliptos en España. Razones y pasiones', na que propicia un diálogo entre argumentos xa asentados e novos puntos de vista que, nos últimos anos, foron xurdindo ao redor da polémica figura do eucalipto. A obra foi obxecto dunha presentación pública este venres 14 no Colexio de San Xerome, en Santiago, na que interviñeron o reitor Antonio López, o autor e o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco.

Presentación do libro Eucaliptos en España. Razones y pasiones. USC
Presentación do libro Eucaliptos en España. Razones y pasiones. USC

O tema recompilado nas páxinas deste volume é, en opinión do seu autor, unha cuestión "moi complexa e unha temática non pechada", na que o debate público non alcanzou acordo e no que se manifestan "posturas opostas lexítimas". Nas súas propias palabras, o eucalipto "é a árbore da discordia" arredor da que existe unha inxente cantidade de publicacións das que o profesor Díaz-Fierros bota man para desenvolver a súa reflexión sobre o tema.

Na presentación, o reitor salientou a "capacidade reflexiva" que achega este título no entendemento dunha cuestión sempre aberta ao debate e fronte ao que é preciso atopar solucións. Nesta misión, Antonio López subliñou o valor do autor do libro, pola súa traxectoria científica e académica, como garantía para afrontar este debate. Nesta mesma liña, Juan Blanco cualificou o novo título como "unha obra polémica" que "cataliza masa crítica para poñer cartas arriba nun tema complicado".

A OBRA

Achegar ao debate do eucalipto una perspectiva racional, desapaixoada e aberta ao entendemento foi a meta que se propuxo o autor a través das 234 páxinas que integran un volume estruturado en tres apartados: ‘O eucalipto en España’, ‘Relacións co medio’ e ‘Cuestións económicas, sociais e ambientais’.

Na primeira parte abórdanse, entre outros aspectos, a chegada e acollida do eucalipto e o seu consumo de auga, cunha motivación de interese histórico para contextualizar a presencia desta especie no territorio. A auga tamén esta presente na segunda parte xunto co solo, a biodiversidade, os incendios forestais e o cambio climático. Finalmente, a terceira parte serve de marco para profundar na paisaxe, economía e sociedade, servizos ecosistémicos, así como as razóns e paixóns dos conflitos forestais.

Nunha posta a punto detallada en explicacións e exemplos ilustrativos dende a ciencia á política, estas páxinas pretenden, en opinión do seu autor, desmontar mitos e propoñer un enfoque actualizado, afastado de dogmatismos e posicións radicais, que se pretendan definitivos. Polo demais, a obra recolle e reflicte a experiencia, coñecemento e o exercicio de reflexión do autor, ante a "urxencia dunha reconsideración do eucalipto e as súas relacións coa contorna e o medio natural".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta