Rueda aos netos de emigrantes: "Galicia está aberta aos que veñan estudar e emprender"

Sinala os centros galegos como difusores da cultura entre a mocidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2022 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou o papel das entidades galegas na difusión da cultura e as tradicións da terra entre as novas xeracións que residen en Uruguai.

Así o trasladou, durante a súa participación, na pasada xornada, nunha reunión con diferentes representantes das entidades e centros galegos establecidos neste país.

Nesta conxuntura, o presidente trasladou o respaldo da Xunta á súa xestión e ás actividades que desenvolven, un labor que contribúe a manter "vivos os fortes lazos" que unen a Uruguai con Galicia.

Neste sentido, aproveitou para lembrar as iniciativas que o Goberno galego ten en marcha para que os galegos no exterior poidan completar a súa formación ou emprender de volta en Galicia, un lugar que "pode e debe devolver con gratitude todo o recibido" a miles de quilómetros de distancia.

Galicia, explicou Rueda, "ten a man tendida" para incentivar o regreso "á terra dos seus pais ou avós" de todos os galegos no exterior que busquen estudar ou comezar un negocio para asentarse "na que é a súa casa".

CENTROS GALEGOS

Durante o segundo día de viaxe institucional en Uruguai, Alfonso Rueda desprazouse ata a sede do Centro Galego de Montevideo, onde se reuniu coa súa directiva e participou das actividades deportivas e lúdicas organizadas dentro do Torneo de Confraternidade Interxeneracional Premio Xunta de Galicia.

Este evento no que participaron máis de 200 persoas tivo como obxectivo estreitar vínculos entre as diferentes xeracións de galegos a través de xogos tradicionais destinados tanto a público adulto como infantil.

Rueda participa en actividades de entidades galegas en Uruguai.. XUNTA
Rueda participa en actividades de entidades galegas en Uruguai.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta