Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2022 | Actualizada ás 13:47
A oposición censurou a viaxe oficial do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao considerar que "ten máis de promoción persoal", en palabras da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e por considerar que "o esperable" é que fose a Bruxelas para facer fronte ao veto imposto a parte da frota galega, segundo o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez.
A preguntas dos xornalistas por este asunto, Pontón, en rolda de prensa, criticou que a visita de Rueda "non soluciona ningún tipo de problema aos emigrantes" e "ten máis de promoción persoal" do titular do Goberno galego.
Pola súa banda, noutra comparecencia e tamén a cuestións dos medios de comunicación, Álvarez viu "ben" que Rueda vaia "onde considere pertinente", pero agrega que "o normal neste caso desde o punto de vistas do esperable é que fose a Bruxelas a defender aos pescadores" galegos.
"O noso non é ridiculizar, é tratar de facer propostas", resolveu o portavoz dos socialistas galegos na Cámara, antes de concluír que opina que está "ben" que "o señor Rueda vaia a Arxentina, Uruguai, etcétera", pero existe "outra prioridade" na súa opinión en Bruxelas.
O PP CONSIDERA A VIAXE "NECESARIA"
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, respondeu ás críticas da oposición en relación á viaxe do presidente defendendo a necesidade de que a colectividade emigrante "saiba que a comunidade galega está ao seu lado" e que "forman parte" dela.
"Que un presidente da Xunta viaxe pouca despois da súa toma de posesión a coñecer á colectividade galega non só é unha magnífica idea, se non que é necesario", resumiu Puy, a preguntas dos medios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.