A Xunta loa Greenalia como "empresa referente" tras paralizar o TSXG dous dos seus parques

O BNG fala de "abuso de poder" e "trato de favor" mentres Conde rexeita "ataques" a empresas "referente".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2022 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

A Xunta adoptará medidas cautelares e mostra a súa "disposición a colaborar" despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretase a paralización cautelar da construción doutro parque eólico da compañía Greenalia, neste caso proxectado en 'Bustelo', entre os municipios coruñeses de Coristanco e Carballo.

En resposta a unha interpelación do BNG, no pleno, o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, negou ademais "complicidade coas eléctricas" e rexeitou que os nacionalistas fagan "ataques a empresas que son referente". E é que o deputado do Bloque Luís Bará acusou o Goberno galego de "abuso de poder" e "trato de favor" nunha intervención na que se referiu a Greenalia como "a empresa das portas xiratorias".

"Creo que debería comprar un paraugas ben grande, non polo temporal que está a caer senón polo vendaval xudicial de sentenzas que botan abaixo a política eólica do Partido Popular", espetoulle o parlamentario nacionalista ao comezo da súa interpelación. Neste sentido, citou en concreto os parques proxectados para Oribio, Sasdónigas, Corme, Campelo, Bustelo e "Toural proximamente", antes de advertir de que "continuará, virán máis" parques afectados por resolucións xudiciais.

"Son nomes que simbolizan o abuso, o espolio, a depredación, pero tamén a dignidade dunha sociedade que é capaz de plantarlle cara", subliñou Luís Bará. Neste sentido, ante o "mal" que "xa está feito", ao que denominou "ecocidio", resaltou que é a Xunta quen debe responder: "Son vostedes quen o teñen que reparar", incidiu.

"EXEMPLO DE LIBRO DE FRAGMENTACIÓN"

Bará apuntou a "moitos proxectos promovidos por Greenalia, a empresa das portas xiratorias", para reiterar que a xustiza decretou "a suspensión cautelar" de Bustelo e Campelo "e proximamente sairá a de Toural". Son, segundo recalcou, "un exemplo de libro de fragmentación dun único parque en tres". "Son as mesmas poligonais unha sobre a outra", chamou a atención. "Cento dez megawatts divididos en tres para pasar o dromedario polo ollo da agulla", insistiu.

Así mesmo, expuxo que "a suspensión cautelar" se adopta "pola mesma razón pola que se decretou a de Corme". "Fixeron unha modificación legal para reducir o prazo de 30 a 15 días, cousa que foi declarada ilegal polo TSXG porque é unha vulneración dos dereitos dos cidadáns á participación", dixo.

Nesta liña, denunciou "trato de favor a Greenalia" e asegurou que "esta empresa utilizou información privilexiada da Xunta" referida a informes sobre especies. Ademais, "a señora Mato --a exconselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato-- sentaba nos Consellos da Xunta, participou na tramitación (...) por tanto non podería ser conselleira de Greenalia", afirmou.

MÁIS DE 2.400 INFORMES EN DOUS ANOS

Pola súa banda, Conde, que cifrou en máis de 2.400 os informes en relación con proxectos eólicos que emitiu a Xunta nos dous últimos anos, respondeu que a Xunta vai respectar as decisións xudiciais e mostrou a súa disposición a colaborar coa xustiza. Así, engadiu que foi o que o Executivo autonómico "fixo" con Oribio en outubro de 2019, con Sasdónigas e Corme. "E farémolo tamén cos de Campelo e Bustelo, adoptando as medidas cautelares", resolveu.

"VIVEN NA SÚA BURBULLA NACIONALISTA"

Mentres, na súa resposta, o vicepresidente económico da Xunta pediu "un pouco máis de mesura" ao deputado do BNG e acusou o seu partido de entender que "a verdade é a súa". "Queren impor o seu modelo eólico e o demais está fóra da lei, pero non é así", advertiulle. "O único que é certo é que o BNG si está instalado no ecoloxismo radical e o BNG é o abandeirado desa plataforma Stop Eólicos", engadiu a continuación.

Nesta liña, reprochoulle estar "permanentemente detrás da pancarta negando que Galicia poida avanzar a través dun equilibrio entre o progreso e o medio ambiente". Conde reivindicou o cumprimento da normativa e agregou que "os promotores saben que teñen que cumprir", cuestións como que está "prohibido" instalar parques en Rede Natura.

Lembrou que o Goberno galego impuxo unha moratoria "para tramitar con máximas garantías 300 expedientes" e ampliou as distancias límite entre aeroxeradores e núcleos de poboación, ademais de dar "prioridade a aqueles proxectos que polo menos o 50% da enerxía dedíquena a industria asentada en Galicia".

"Viven na súa burbulla nacionalista e todo o que traspase esa burbulla non existe", espetoulle, antes de aclarar que "tramitar non significa autorizar, significa ser unha administración que cumpre coa legalidade". "Declarar de especial interese tampouco significa autorizar", remachou.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, comparece no pleno do Parlamento de Galicia para abordar a situación dos fondos Next Generation. XOÁN CRESPO/XUNTA / Europa Press
O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, comparece no pleno do Parlamento de Galicia para abordar a situación dos fondos Next Generation. XOÁN CRESPO/XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta