Máis de medio millón de persoas pobres... É Galicia un lugar pobre?

O Día Internacional para a Erradicación da Pobreza volveu poñer sobre a mesa a situación das persoas e familias con baixos ingresos, ou ningún, en Galicia. As cifras que apuntan algunhas organizacións son moi elevadas para unha poboación de menos de tres millóns de persoas. As autoridades autonómicas teñen aínda por diante moitos puntos que tratar antes de falar de baixos índices de pobreza no país.

Por Moncho Mariño | Santiago | 20/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O 17 de outubro, Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, é outra data para enviar informes, notas de prensa e datos sobre a situación económica das persoas. A análise do caso galego por parte dalgunhas organizacións dá unhas cifras que van entre as 550.000 persoas que viven por debaixo dos límites da pobreza e as case 700.000 que están en risco de pobreza (o 25% da poboación galega). Os números son elevados para unha poboación que non chega aos 3 millóns de habitantes. Onde nacen as raíces deste fenómeno?

Pobreza. Persoa pedindo esmola.
Pobreza. Persoa pedindo esmola.

É GALICIA UN LUGAR POBRE?

Co ingreso de países do Leste de Europa a situación de Galicia mellora en canto parámetros de rendas e pobreza. Actualmente é a segunda rexión española coas pensións máis baixas e o maior número de pensionistas dentro do Estado. Isto último, se se cronifica,  podería ter como resultado que Galicia entrase dentro dos lugares con maior risco de pobreza.

“A Enquisa de Condicións de Vida do INE en base a datos homoxeneizados da UE, define quen está en risco de pobreza: aquelas persoas que teñen uns ingresos inferiores ao 60% dos ingresos medios da súa contorna” sinala Maica Bouza secretaria de Emprego e Política Social de CCOO. Segundo a enquisa citada por Bouza, estarían en risco de pobreza quen teña uns ingresos inferiores a 9.535€ por ano. Nesta situación están  544.520 persoas, o 20,2 % da poboación galega segundo un informe elaborado por CC.OO.

A taxa de pobreza, baixo incentivo laboral e carencias materiais e económicas son tres factores que permiten medir a amplitude da falta de recursos por parte da poboación ou unha parte dela. “En Galicia a taxa de pobreza baixa unha décima con respecto á media do Estado mais só entre os homes” di Xosé Cuns de EANP-Galicia. As mulleres e menores non viron reducidos os seus índices de penuria debido a que “cando se fai a enquisa de condicións de vida por fogares, entran todas as persoas que viven neses fogares, dentro deles están os fogares monoparentais dos que o 80% son levados  por mulleres, dentro dese índice o 53,4% son pobres”. E dentro deses fogares monoparentais hai menores que sofren carencias.

Segundo EAPN no seu “Informe sobre o estado da pobreza en Galicia” hai sobre 678.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social segundo a taxa AROPE, o 25,2% da poboación. Mais por que existen estas cifras? “O IMV deseñouse para cubrir todo o Estado, logo houbo unha serie de modificacións, aínda así, a Autoridade Independente de  Responsabilidade Fiscal (AIReF) sinalou nun dos seus informes que en Galicia o IMV só se despregou un terzo da súa potencialidade” di Bouza.

“A pobreza en si é un fracaso. A isto débese sumar factores como aporofobia ou a autoculpabilización da persoas pobre” remarca Cuns. “Teñamos en conta que en Galicia temos un elevado número de persoas cobrando pensións moi baixas” e a isto súmaselle que actualmente existe un número importante de persoas que non están cubertas por ningunha axuda social. Detrás hai factores como o funcionamento burocrático para solicitar (pobreza administrativa) e dentro disto, a dificultade de acceso ás oficinas onde se realizan os trámites, no caso do IMV até o de agora as oficinas da Seguridade Social, dependentes do Estado.

MEDIDAS

“Durante a pandemia puido verse o relativo éxito das medidas do Goberno mediante ERTEs, IMV e outras axudas que evitaron que un millón e medio de persoas estivesen en situacións límite” di Xosé Cuns. “Outras medidas, como a non paralización da RISGA por parte da Xunta, evitou que case 130.000 persoas acabasen sendo pobres e tamén grazas á Tarxeta Básica”. Este último elemento permitiu acceder a alimentos básicos impedindo a entrada en pobreza severa de varias familias.

“Houbo melloras como eliminar o impedimento de que nunha mesma casa houbese dúas persoas cobrando prestacións” declara Maica Bouza. Con todo, o máis importante para evitar a pobreza é ter un traballo digno (salario e protección social). A precariedade actual na relación salario-emprego non está permitindo o desenvolvemento de moitas persoas. “Debe haber políticas sociais porque hai persoas en dificultade e por iso é necesario protexer as prestacións mentres non haxa traballo”.

Por outra parte “en Galicia non presionaron para que as persoas coa RISGA pasasen a solicitar o IMV, como si ocorreu noutras CC.AA” apunta Cuns. “O número de solicitantes da RISGA aumentou nos últimos tempos, por iso vemos necesaria unha nova lei de inclusión que permita a compatibilidade da RISGA e o IMV”.

A eliminación de trabas burocráticas, a asunción competencial do IMV polas CC.AA, facilitar acceso a traballos dignos, permitir ingresos en axudas públicas polo menos por dúas vías no fogar, aumentar os orzamentos en política social e un aumento nas pensións  e melloras en calidade de vida son ferramentas esenciais para evitar que a pobreza, polo menos, non aumente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta