As traballadoras sociais lanzan un SOS ante a "sobrecarga" laboral: "Somos meras xestoras de axudas"

Os servizos sociais comunitarios nacen como ferramenta contra as desigualdades, pero funcionan na práctica como "dispensadores de informes". As traballadoras sociais palían con esforzo e horas extra a falta de recursos e alertan da "perversión" da esencia do seu traballo. O "exceso de burocracia" impide facer un acompañamento real e humano ás familias en situacións de vulnerabilidade.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Son traballadora social. Amo profundamente a miña profesión, pero as condicións nas que facemos o noso traballo afectaron a miña saúde e a miña vida profundamente"; "en moitas ocasións facemos máis de fiscalizadoras que de persoas asertivas coa persoa usuaria"; "síntome como unha mera dispensadora de informes"; "estou tan esgotada que pensei en mil maneiras de deixar a profesión que tanto amo, saio chorando do traballo día si e día tamén".

Traballadora social atende unha usuaria nos servizos sociais
Traballadora social atende unha usuaria nos servizos sociais | Fonte: arquivo

Estes testemuños de traballadoras sociais, que forman parte dunha recente campaña de concienciación e denuncia do Colexio Oficial de Traballadoras Sociais de Galicia, describen o "estado de esgotamento" das profesionais que constitúen os servizos sociais comunitarios básicos, ese primeiro andazo da atención social. Coñecedoras de primeira man das realidades de maior vulnerabilidade e dureza da sociedade, estas traballadoras lanzan un SOS fronte a unha "excesiva burocratización" que as acurrala no asistencialismo e unha "sobrecarga laboral" que vén de lonxe e que agora, cunha pandemia ás costas e a crise de prezos a baleirar os petos máis precarios, está chegando ao seu límite. 

SATURACIÓN E PERVERSIÓN DO TRABALLO

"Os servizos sociais comunitarios básicos están nun momento de perversión, saturación e desbordamento, e precisan ser redefinidos e repensados dunha maneira seria, técnica e profunda", analiza para Galicia Confidencial Cristina Díaz, vogal do COTSG, que ve o sistema "orientado á xestión prestacional", no canto da "promoción e protección das persoas, grupos e comunidades". Mentres a demanda de peticións de axuda aumenta "exponencialmente" e as listas de agarda engrosan, as traballadoras sociais non observan un incremento de recursos económicos e técnicos para dar resposta a todas as situacións de necesidade. 

"A recuperación logo da política de recortes e austeridade a partir do 2008 nunca chegou a producirse como tal, e á vez, aumentaron e diversificáronse moito as problemáticas sociais abordadas por servizos sociais"

Persoas maiores
Persoas maiores | Fonte: Ana Varela - Xunta de Galicia

Para Díaz, este "proceso de sobrecarga" está asociado ás diversas crises sociais e económicas dos últimos 15 anos. "A recuperación logo da política de recortes e austeridade a partir do 2008 nunca chegou a producirse como tal, e á vez, aumentaron e diversificáronse moito as problemáticas sociais abordadas por servizos sociais", explica. Dende ese momento, segundo sinala Díaz, vénse producindo unha "desviación do sistema cara a fins que non lle son propios", como garantir de recursos económicos, asumir os baleiros en materia de vivenda ou realizar "pseudoinformes sociais" para o acceso a diversas prestacións. 

"Penso que nos dedicamos a poñer parches. Traballo social comunitario, intervención social e prevención non se pode facer porque non nos dá a vida para máis. Somos meros xestores de axudas. Sempre tiro dunha frase recorrente: estamos dando peixe aos usuarios, non estamos ensinando a pescar, que é a nosa labor", explícase na mesma liña Nuria, traballadora social do Concello de Xermade e membro da comisión deontolóxica do COTSG, que cualifica o sistema de "ineficaz". "Notámolo, por exemplo, nas citacións para valorar as situacións de dependencia, que tardan unha media de oito meses ou máis. Moita xente falece agardando por unha resposta da administración", prosegue.

Dende o Colexio Oficial de Traballo Social critican tamén a organización dos recursos dentro dos servizos sociais por parte das administracións, "que buscan a rendibilidade económica e política con estruturas cada vez máis ríxidas e agresivas" coas propias persoas usuarias. "Convertémonos en grandes administrativos", explica Nuria. "Estamos sentadas nunha cadeira cubrindo 40 informes, metendo datos repetidos en cinco aplicacións informáticas, escaneando... Eu négome a atender unha persoa que me está relatando unha situación complicada sen mirala á cara; pero se polo sistema é, perdemos a esencia e toda a humanidade", explica. 

A SAÚDE DAS PROFESIONAIS, DANADA

"Era incapaz de chegar conducindo ao traballo sen ter que parar cinco ou seis veces polo camiño da choreira que me entraba. Somos moitas as traballadoras sociais que tiramos de terapia para poder sobrevivir no día a día"

Nuria saca o tempo "de onde non hai" para chegar a todo, leva traballo á casa e volve á oficina sábados polas mañás. "E iso que traballo nun concello do rural, pequeno, onde case non teño lista de agarda; pero a contrapartida está en que hai que desenvolver tarefas moi diversas, como o reparto de alimentos que nos concellos máis grandes poden xestionar outros servizos". Unha sobrecarga de traballo que, unida á exposición constante a situacións sociais moi delicadas, impacta sobre a saúde das profesionais. Esta traballadora, coma outras moitas compañeiras, viuse obrigada a coller a baixa por ansiedade: "Era incapaz de chegar conducindo ao traballo sen ter que parar cinco ou seis veces polo camiño da choreira que me entraba. Somos moitas as traballadoras sociais que tiramos de terapia para poder sobrevivir no día a día", explica. 

O IV informe sobre os Servizos Sociais en España e a profesión do Traballo Social, publicado en xuño deste 2022, confirma o incremento da precarización laboral  no sector, fundamentalmente feminizado, con pouca estabilidade nos contratos e moita externalización. Ademais, sinala que 1 de cada 4 profesionais manifesta sentir algún grao da Síndrome de Burnout - cronificación do estrés laboral -. "No COTSG rexistramos unha alta porcentaxe de baixas laborais por cadros de estrés e outras doenzas derivadas del, porque simplemente non aguantan máis", explica Díaz, que alerta que o esgotamento nos profesionais impactan tamén sobre as persoas usuarias e sobre a calidade do propio sistema. 

MENOS BUROCRACIA, MÁIS ACOMPAÑAMENTO

"Cómpre redeseñar os servizos sociais a nivel xeral, e os comunitarios en particular, para poder garantir a nosa labor profesional, que non é a xestión das prestacións, senón o acompañamento e soporte das persoas na consecución do seu benestar".

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia urxe, ante esta realidade, a posta en marcha de novos modelos de intervención e xestión dos servizos sociais. "Hai que apostar polo traballo centrado na persoa e na nosa labor como acompañantes nos seus procesos de cambio, afastando a profesión da xestión das prestacións de contido exclusivamente económico", explica Cristina Díaz. Nesta liña, pide tamén a aprobación dunha lei estatal marco de servizos sociais para "armonizar ratios por traballador social e homoxeneizar criterios" de actuación fronte ás desigualdades "moi acusadas" que se dan agora mesmo entre autonomías.

Para Nuria, un cambio de enfoque nos servizos supón dotar de traballadoras sociais tamén outros sistemas, como o de saúde, educativo e incluso a nivel empresarial. "Ao final todo recae nos servizos sociais dos concellos, que somos, dalgunha maneira, un caixón desastre a onde veñen parar moitos trámites. É necesario tamén dotar de persoal administrativo os concellos para poder dedicarnos verdadeiramente á intervención social e poder facer un seguimento de calidade dos diferentes casos", explica. 

Dende o Colexio apelan, igualmente, a "sacar adiante as modificacións lexislativas do Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia", coa fin de eliminar os tempos de agarda de "máis dun ano" tan só para obter unha valoración. "Estas persoas non 'desaparecen' dos servizos sociais comunitarios básicos durante todo ese tempo, e os profesionais dan soporte, moitas veces insuficiente, a situacións moi precarias e vulnerables", expón esta traballadora social. Estudar o "impacto da exposición reiterada a situacións de crise e vulnerabilidade" e establecer "mecanismos de protección" é outra das demandas máis repetidas por parte das profesionais. 

En definitiva, remata Díaz, "cómpre redeseñar os servizos sociais a nivel xeral, e os comunitarios en particular, para poder garantir a nosa labor profesional, que non é a xestión das prestacións, senón o acompañamento e soporte das persoas na consecución do seu benestar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta